Narón Viernes 14 de Noviembre de 2008


 

Beatriz Mato presenta as propostas do PP para a integración laboral da muller

Imaxe dun momento do acto celebrado onte na sede do PP naronés L. POLO

REDACCIÓN > FERROL

A deputada “popular” Beatriz Mato; a alcaldesa de Cerdido, Ana Rodríguez; a portavoz do PP en Narón, Ángeles Díaz, e a edila naronesa Paloma González, participaron onte no acto de presentación dun encontro entre responsables do PP nos ámbitos económico e municipal e representantes das asociacións de mulleres do municipio. O acto tivo lugar na nova sede dos “populares” naroneses, localizada no Alto do Castiñeiro.

Na convocatoria abordouse a situación da muller no mercado laboral. No transcurso da mesma, Mato insistiu na necesidade de poñer en marcha medidas efectivas para o fomento do emprego feminino como fórmula para acadar a igualdade real de mulleres e homes á hora de acceder ao mercado laboral. A deputada “popular” explicou que os diferenciais entre as taxas de paro, de actividade e de emprego femininas e masculinas continúan sendo as mesmas que hai cinco anos, “o que reflexa a escasez de resultados das políticas dos socialistas”.

Ademais, Beatriz Mato censurou a escasez de resultados do Plan de Emprego dirixido ás mulleres e posto en marcha polo goberno de Pérez Touriño hai ano e medio. A deputada amosouse partidaria de incrementar ata no 60% as políticas activas de emprego da Xunta, os fondos que se invisten en fomentar emprego para o colectivo e tamén a formación das mulleres no ámbito das novas tecnoloxías.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cerdido explicou a súa experiencia como muller á fronte dun concello e recoñeceu que o trato que recibe unha política non é o mesmo que recibiría se fose un home. Ana Rodríguez subliñou que cando a muller traballa fóra da casa, ten que facer un sobreesforzo para seguir traballando e, ao mesmo tempo, levando a súa casa.

Ao remate das intervencións, abriuse un debate entre as asistentes, que se pronunciaron sobre o papel da muler no mercado laboral do século XXI e sobre a necesidade de incrementar os mecanismos de conciliación da vida laboral e familiar.




Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |