Narón Viernes 14 de Noviembre de 2008


 

A Xunta de Voceiros achega posturas sobre as axudas para abaratar o custe do saneamento

A vindeira semana Cosma comezará a traballar na zona de Pedroso L. POLO

LORENA ROMERO > FERROL

O Concello de Narón acolleu onte a celebración dunha Xunta de Portavoces na que se analizou a proposta de TEGA e PP sobre axudas para sufragar o gasto das acometidas do saneamento e abastecemento no rural. PSOE e BNG presentaron unha contraoferta que estudarán os servizos económicos do Consistorio.

A solución ao conflito sobre a implantación do servizo de auga e alcantarillado podería obterse antes de finais deste ano. Así o anunciou o alcalde naronés, Xoán Gato, tras debatirse novamente o tema na Xunta de Voceiros celebrada onte, e na que se presentou a proposta de TEGA e PP e tamén unha alternativa elaborada polo PSOE e o BNG, que conta co respaldo da Agrupación de AAVV do Rural. Unha vez aceptado o custe da taxa -cuxa legalidade defendeu dende un principio, e en solitario, o equipo de TEGA- os políticos naroneses traballan agora conxuntamente para atopar o mellor sistema de axudas para que os veciños con menos recursos económicos poidan facer frente ao gasto dos custes de implantación dos servizos. Aínda así, o edil do BNG Francisco Porto incidiu en que “sempre se discutiu o prezo e non as axudas, porque pagar 1.100 euros polas obras que están facendo é unha aberración”.

O equipo de goberno (TEGA e PP) presentou un sistema de axudas con bonificacións do 10%, 30%, 70% e 95%, dependendo do número de integrantes da unidade familiar -con baremos de un a dous membros; tres a catro, ou máis de cinco- e dos ingresos anuais. O alcalde naronés presentou na Xunta de Voceiros a táboa de axudas e recoñeceu que, a de onte, “foi quizáis a mellor das reunións celebradas dende que estamos tratando de solventar este problema”. A proposta do equipo de goberno suporía un desembolso de 170.000 euros ás arcas municipais, para compensar os gastos á empresa Cosma, e afectaría a uns 116 usuarios, segundo se indicou na reunión. Francisco Porto asegurou ao respecto que se trata dunha cantidade de beneficiarios “moi escasa” e incidiu en que “o esforzo ten que ser bastante maior para que ao final todos vexamos que hai unha vontade de abaratar o prezo destes servizos”.

Os representantes de PSOE e BNG, Catalina García e Francisco Porto, presentaron outra proposta. Na mesma establécense sete tramos de dedución -fronte aos catro reflexados no documento de TEGA e PP- que se corresponden co 10%, 20%, 35%, 50%, 65%, 80% e 95% e no que se analizan, un por un, o número de integrantes da unidade familiar e se establecen máis franxas segundo os ingresos anuais. “Son unhas axudas moito máis reais, e a nosa pode ser unha das armas coas que loitar contra o excesivo prezo do alcantarillado”, indicou Porto. Éste subliñou que “se dende o grupo de goberno hai vontade de que os veciños se sintan atendidos pola Corporación terán que facer un esforzo e, se non aceptan a nosa proposta, deberán achegarse a ela; así poderemos, entre todos, dar un xiro a este problema”.

O concelleiro nacionalista valorou que TEGA e PP presentasen a proposta aos grupos da oposición, cando poderían tela aprobado conxuntamente sen o respaldo de PSOE e BNG. Porto afirmou que o equipo de goberno “xamáis deu un paso para solventar este asunto e nunca cedeu nese sentido” pero recoñeceu que a reunión de onte foi “un avance” entre as distintas partes para tratar de buscar solucións.

Alternativas > O alcalde naronés amosou a súa satisfacción polo feito de que fose onte “a primeira vez que se puxese unha alternativa enriba da mesa” e destacou que “ a solución pasa por manter a taxa pero axudando ás familias que máis o necesitan, que é a filosofía que tiñamos nós dende o principio”, recoñecendo que “pode ser que estudando o tema presentado por eles e o noso, misturándoos, o tema entre en vías de solución”. Agradecendo a postura de colaboración de PSOE e BNG, Gato asegurou que se realizará un estudo económico da súa proposta e que o resultado se dará a coñecer nuns quince días.

O edil Carlos Díaz (PP), indicou que a rebaixa do custe do servizo “foi unha aposta que fixemos ao entrar no equipo de goberno e estivemos tratando de buscar unha solución”. O concelleiro valorou tamén a proposta da oposición e explicou que calquera tipo de axuda ao respecto terá carácter retroactivo -e así se comunicará mediante unhas cartas- polo que se aplicará aos que xa pagaron e cumplan os requisitos esixidos para beneficiarse das axudas.




Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |