Galicia Viernes 14 de Noviembre
de 2008
A Xunta establece os planos para adaptar os equipamentos de Galicia á poboación
Os centros educativos realizan diversas funcións culturais, atendendo a demandas sociais REDACCIÓN > A CORUÑA
A Consellería de Política Territorial traballa para que a estrutura territorial do sistema de equipamentos de Galicia sexa o resultado da tensión entre a necesidade de satisfacer as demandas con criterios de proximidade ao usuario e os criterios básicos de eficacia.
O principal obxectivo territorial do departamento que dirixe María José Caride en relación cos equipamentos é lograr a máxima accesibilidade e cobertura da poboación cos niveis de calidade imprescindibles para que as diferentes dotacións cumpran a súa función de forma efectiva.
Este obxectivo implica unha maior eficacia e coherencia entre a oferta de equipamentos e as necesidades de cada ámbito territorial; o deseño dun sistema de equipamentos que contribúa ao equilibrio territorial, reforzando o nivel intermedio asociado ás Cabeceiras e subcabeceiras do Sistema Urbano Intermedio e ós Nodos para o Equilibrio do Territorio; a consideración do sistema de equipamentos como elemento clave de dinamización territorial, estreitamente vinculado á aparición de novas iniciativas produtivas e ás accións de mellora do atractivo de cidades e espazos rurais.
Os equipamentos desenvolven unha dobre función no modelo territorial. Son factores básicos de servizo á poboación, que determinan en boa medida os niveis de benestar e de cohesión social. A súa dispoñibilidade e calidade son indicadores do atractivo urbano e territorial, o que constitúe un factor de competitividade e condiciona a calidade de vida e a renda dispoñible, con especial incidencia nos sectores con menores ingresos.
Elementos xeradores > Ademais, son, en si mesmos, elementos xeradores de actividade, de iniciativas produtivas e de desenvolvemento como acontece cos equipamentos comerciais, os centros de congresos e recintos feirais, as actividades universitarias e de investigación de alto nivel ou con actividades singulares, que poden localizarse tanto en grandes cidades como en zonas rurais: educativas (centros de formación superior, cursos para estranxeiros), culturais (exposicións, festivais), deportivas (competicións e actividades de deporte, espectáculo, deportes de risco e aventura) ou sociosanitarias (balnearios, centros de repouso e rehabilitación). Polo tanto a ordenación e o desenvolvemento dos equipamentos deben abordarse cunha dobre perspectiva.
Por unha parte os plans e programas de actuación sectoriais emprendidos polas diferentes administracións, co obxecto de satisfacer as necesidades da poboación. Por outra a súa consideración nos plans territoriais e urbanísticos, nos programas de desenvolvemento e nas estratexias de dinamización como factores de transformación e mellora a desenvolver por iniciativa pública ou creando condicións que impulsen e faciliten o seu establecemento pola iniciativa privada.
Cara ao futuro deberán terse en conta ademais os novos procesos socioeconómicos que afectan ao sistema de equipamentos. O envellecemento da poboación é probablemente o máis significativo e o que maior incidencia terá a medio prazo. Tamén é importante ter en conta que, segundo aumenta o nivel de renda, son maiores as esixencias que os usuarios fan dos equipamentos públicos e privados.
Polo tanto é necesario combinar axeitadamenteproximidade con nivel do servizo, pois equipamentos cunha oferta escasa, poucas opcións ou baixa calidade deixarán de ser funcionais aínda que resulten moi accesibles.
Un terceiro factor é a necesidade de lograr altos niveis de calidade neles, individualizándoos e dotándoos da capacidade e a singularidade necesarias para manter un grao de excelencia que asegure o seu mantemento e o seu papel como activos necesarios para o desenvolvemento de Galicia.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |