Ferrol Viernes 28 de Noviembre de 2008


Neda recibe o Nadal co son do piano, de rondallas e de bandas de música

A Banda de Música do Tercio Norte, cando cumpriu 150 anos

REDACCIÓN > FERROL

O Concello de Neda celebrou o ano pasado un concerto de Nadal que tivo, aseguran, tan boa acollida que este decembro repiten e amplían a proposta a tres veladas. O dúo de pianistas Gradaílle-Gil Llorens, Lucero del Alba, a banda do Tercio Norte e a Xove Banda de Narón participan no festival.

“Neda é cuna de excelentes músicos, compositores e corais”, aseguraba o alcalde Ignacio Cabezón, na presentación dos concertos. “Queremos poñer en valor esa tradición, esa cultura musical que é un sinal de identidade máis da vila”.

O primeiro dos concertos celebrarase o venres 5 de decembro na igrexa de Santa María. Comezará, como os demais, ás oito da tarde. Tocará o dúo de pianistas formado por Isabel Gil Llorens e Nicasio Gradaílle Peña. O repertorio inclúe composicións de Mozart, Moszkowski, Ligeti e Grieg.

O sábado 6 a actuación trasládase ó Instituto de Ensinanza Secundaria Fernando Esquío. Alí actuarán a rondalla Lucero del Alba e a Banda de Música do Tercio Norte. Logo de tocar por separado, farán un final de festa conxunto, interpretando panxoliñas típicas destas datas.

O concerto conxunto repetirase en datas vindeiras en Ferrol, na igrexa de San Francisco.

A última das propostas deste segundo festival de Nadal é o concerto da Xove Banda de Narón, o domingo 7 de decembro. Tamén será no instituto. A formación que dirixe Francisco San Ramón Calvo estará acompañada por un coro de nenos dos colexios San Isidro e Federico Maciñeira, ámbolos dous da localide. Interpretarán panxoliñas populares logo de que a banda naronesa debulle o seu repertorio.

Agrupacións > Lucero del Alba é unha formación nacida en Neda en 1948 co nome de Arrullos del Belelle. O seu nome actual data de 1968. É unha formación indispensable na noite das Pepitas e, ademais, realiza funcións por toda Galicia.

A Xove Banda de Narón está baixo o abeiro da asociación cultural e musical Sementeira desde 1993. Mantén desde entón unha intensa actividade, con intercambios culturais incluso con outros países europeos. Ademais, teñen editados dous cedés. O primeiro, de 2002, conta coa colaboración da mezzosoprano María José Ladra. O segundo gravouse en 2005 co apoio da Deputación da Coruña. Este mesmo ano gañaron o terceiro premio no certame galego de bandas de música que se realizou en Santiago de Compostela.

A Banda de Infantería de Marina, pola súa banda, acumula máis dun século de historia, xa que naceu en 1855. Actualmente está dirixida por Juan C. Martínez Dombriz.

O cartel que promociona o festival ten tamén a súa historia. Foi obra do deseñador Carlos Sardiña e presenta un perfil dos edificios máis representativos de Neda, ós Reis Magos e tamén ó rei Afonso XI, que foi quen, no século XIV, outorgou os foros a Neda despois de que na localidade se construíse un barco co que se axudou a liberar Alxeciras.


Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |