Ferrol
Viernes
5 de Marzo de 2010
Expertos alertan dos riscos que supón o nivel de contaminación da ría ferrolá
José Graña, Mayte Fernández e Carlos Piñeiro interviron na charla luis polo REDACCIÓN > FERROL
A preocupación polo nivel de contaminación que presenta a ría de Ferrol quedou onte patente na primeira xornada do ciclo que, sobre esta cuestión, organiza a asociación Tribuna para el Diálogo. A acumulación de metais pesados, a falta de depuración ou os danos causados polos recheos foron algúns dos males que diferentes expertos trataron dende a química, a bioloxía ou a medicina.
O catedrático de Física e Química José Graña suliñou que o problema principal se atopa nos sustraos da ría, onde se acumulan compoñentes químicos coma nitratos ou sulfatos. En particular, referiuse ós arrastres dos ríos Freixeiro, Inxerto ou Tronco, que van parar ó mar. Tamén subliñou a presenza de diferentes metais pesados. Entre eles, o estaño, un material que, lembrou, ten efectos sobre os moluscos, como amosou un estudo levado a cabo nos anos 80 na ría francesa de Arcachón.
O investigador subliñou que hai 25 anos a ría xa presentaba os mesmos males ca hoxe, e en contaminación, cando os problemas seguen igual é que se van agrandando, sentenciou.
Pola súa banda, a bióloga Mayte Fernández explicou na súa intervención os efectos da contaminación sobre a fauna e a flora da ría, en especial sobre a que vive no sustrato, que sofre a falta de osíxeno que provoca a acumulación de compostos químicos. Tratou tamén dos efectos negativos dos diferentes recheos, realizados sen ningún control do que se mete, e subliñou a repercusión que segundo a súa orientación poden ter sobre as correntes. Como exemplo, citou o realizado no porto exterior, que pecha o 50% da entrada da ría e non deixa que entren as correntes do Noroeste, afirmou.
A bióloga alertou dos riscos da acumulación da contaminación nos tecidos dos propios seres vivos que viven na ría e que, ó introducirse na cadena alimentaria, poden chegar ata o home.
Os perigos derivados para a saúde humana foron abordados en último lugar polo médico Carlos Piñeiro, coordinador dun equipo de investigación da Área de Ferrol. O doutor alertou en particular da polución por metais pesados, coma o cadmio, o chumbo ou o cromo. Éstes acumúlanse no marisco e non se eliminan no proceso de depuración habitual, que só é eficaz contra a contaminación bacteriana.
A charla de onte terá continuidade con outras dúas, nas que se debatirán as repercusións económicas do deterioro da ría e os plans para o seu saneamento.
Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |