Ferrol Viernes 10 de Octubre de 2008


O Concello implica ás asociacións na consecución dunha cidade máis solidaria

Imaxe da presentación pública do plan Ferrol Solidario, que contou co alcalde, coa edil de Benestar e cos responsables de cada área de acción LUIS POLO

M.J.R. > FERROL

A Concellería de Benestar Social, Xuventude e Solidariedade e 59 entidades pertencentes ó Consello Sectorial Municipal de Servizos Sociais elaboraron conxuntamente o Plan Estratéxico Ferrol Solidario, que marca as pautas de traballo neste eido de 2009 a 2012. A atención ós dependentes e ós anciáns, a mellora da accesibilidade ás persoas con dificultades motoras e tamén ás familias forman parte dun proxecto que mira ademais cara á incorporación sociolaboral de colectivos desfavorecidos, a integración dos inmigrantes e emigrantes retornados, á drogodependencia e ó voluntariado. O Plan presentouse onte a toda a sociedade ferrolá nun acto que se celebrou no salón de plenos do Concello.

Ferrol Solidario é unha rede de cooperación interinstitucional que ten como finalidade facilitar a implicación da cidadanía na elaboración e desenvolvemento de accións que melloren a calidade dos servizos sociais e promovan a cultura da solidariedade. Con este ambicioso obxectivo comezou en xullo de 2007 un traballo que onte se deu a coñecer. Primeiro delimitáronse sete áreas de actuación e agora, no documento definitivo, explícanse cales son os obxectivos a cumplir de 2009 a 2012 e cal é o papel das asociacións neste programa.

Un dos sectores con máis propostas é o dedicado á dependencia, á coordinación sociosanitaria e ós maiores. Entre as metas trazadas no texto figura a posta en marcha de catro centros de día de atención á dependencia, a construción de vivendas tuteladas na zona rural ou a apertura dun Salón do maior en cada un dos locais das asociacións de veciños. Iso, xunto coa elaboración dun plan local de autonomía persoal, a creación do Observatorio permanente da dependencia ou a potenciación de servizos que permitan ás persoas desenvolver a súa vida con normalidade no seu propio domicilio (teleasistencia, axuda no fogar, centros de día, comedor social...) constitúen os puntos fortes das propostas para os maiores.

No eido das persoas con discapacidade (diversidade funcional e accesibilidade) plantéxase construír un motel accesible na zona rural e crear a figura do Valedor. A adaptación do transporte público e doutros espazos da cidade para cumprir a normativa de accesibilidade ou a elaboración de plans municipais que atendan ás necesidades deste colectivo, xunto co desenvolvemento de accións educativas no ámbito escolar completan o proxecto.

A área da infancia, adolescencia e familias céntrase na detección e intervención en situacións de risco nas que se poida atopar un menor e tamén a promoción dun mellor funcionamento da unidade familiar. Inclúense, entre outras medidas, a elaboración dun estudo sobre a situación da infancia de Ferrol así como o impulso do fogar infantil ou de programas como o de loita contra o absentismo escolar.

Baixo o nome de Incorporación sociolaboral inclúense as medidas destinadas a facilitar un emprego e unha vida normalizada a persoas en risco de exclusión social. Crearase un servizo de atención a xente sen teito e outro de aloxamento permanente, convivencia e reinserción. Tamén está previsto elaborar un plan local de inclusión social e impulsar os programas que se están a levar adiante dentro do plan galego.

A atención a inmigrantes e emigrantes retornados terá como puntos fortes o desenvolvemento dun plan de acollida que atenda ás necesidades e carencias específicas do colectivo. Crearanse espazos de participación no tecido asociativo, fomentarase a integración do alumnado e elaborarase un plan municipal da migración.

Na área de Prevención de consumo de drogas préstase unha atención especial ás campañas de información, sobre todo entre adolescentes e mozos. Trátase de modificar as súas actitudes fronte ás drogas. Intensificarase a colaboración con campañas autonómicas e estatais e, xunto con propostas divulgativas propias, elaborarase tamén un plan local de prevención.

O sétimo dos sectores atendidos polo Plan Estratéxico dedícase á solidariedade, a cooperación e o voluntariado. Tamén neste caso elaborarase un plan local. Ademais, entre outras medidas, establécense diversos galardóns para premiar actitudes positivas. O Concello comprométese a incrementar progresivamente a súa achega á cooperación e o desenvolvemento ata acadar o 0,7% e participará directamente en proxectos no sur. A creación dun banco de tempo é outra das iniciativas novidosas dentro deste sector.


Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |