O laboral nun segundo plano

Ficamos en plena campaña pre-electoral para o Parlamento galego, e os partidos con opcións de ter representantes xa amosaron as liñas argumentais. E choca que entre estas non destaquen as condicións laborais, é dicir: o desemprego, a precariedade, os baixos salarios, as horas polas que non se paga e cotiza. Esquécese o aspecto fundamental que marca unha tendencia regresiva na parte que lle corresponde ao traballo no PIB, e como consecuencia no medre da desigualdade social, a que 2/3 das familias non dean chegado a final de mes, e rente dun 30% estean por debaixo da liña de pobreza.
Que estes aspectos sexan secundarios para a dereita é lóxico, mais que se coloquen nun plano secundario nos partidos da esquerda é preocupante. Incomprensíbel, especialmente en forzas da esquerda nacionalista como o BNG, que ten unha ligazón moi estreita co sindicalismo, e unha participación activa en todas as loitas e mobilizacións da clase traballadora.
É positivo que exista unha postura activa na oposición á privatización dos servizos públicos esenciais e na esixencia da súa mellora, así como a realizar unha reforma fiscal que sexa progresiva e que priorice os ingresos dos impostos directos. Mais de pouco serve isto último se despois a patronal recibe cuantiosas achegas polas contratacións, ou exencións fiscais e no pago da cota da seguridade social, en prexuízo das pensións e dos ingresos do traballo. O aumento do emprego neste intre está ligado á baixada da enerxía, a depreciación do euro respecto do dólar, á flexibilidade cuantitativa do Banco Central Europeo, e a inestabilidade en países competidores no sector turístico. Polo tanto, estas axudas son un modo máis de transferir recursos ao capital.
Non se pode ignorar que o sindicalismo non empurra abondo no plano estratéxico, así como en relación ás institucións públicas e os partidos políticos (a última folga xeral na Galiza foi a finais de 2012); atrincheirouse nas empresas.
Mais iso non xustifica que os partidos de esquerda non poñan en primeiro plano reivindicacións tan básicas, como a derrogación das reformas laborais e a recuperación da ultra-actividade dos convenios.

O laboral nun segundo plano

Te puede interesar