Unha Igrexa distinta

Lucia Caram é unha monxa dominica que con frecuencia aparece nos medios de comunicación rompendo os esquemas relixiosos tradicionais e sociais aos que estábamos habituados nesta católica España. Aquela España que se sentía orgullosa do seu catolicismo, veu e continúa perdendo fieis aceleradamente dende polo menos mediados do século pasado para aquí. 
É un feito que se pode comprobar tódolos días vendo as Igrexas valeiras e, en moitos casos, pechadas. Lucía Caram, coas súas rompedoras formas de pensar, de vivir e de actuar, quérelle mostrar a quen disposto, que a relixión verdadeira, e singularmente o Evanxeo de Xesús, é outra cousa bastante diferente do que as xerarquías eclesiásticas impoñen aos seus fieis, ou se non o impoñen permiten que continúe sen cambios como unha rutina. Son os relixiosos máis por costume que por convencemento. E estas rutinas, salvo excepcións, son as prácticas relixiosas de sempre, cando o mundo ven cambiando dende a entrada do que se entende por modernidade nos coñecementos e comportamentos humanos porque o mundo de hoxe non é o de hai anos. 
En realidade a maioría da xente xa chegou a un estado de ánimo no que perden o interese  pola relixión tal cal. E se lles preguntan “non sabe, non contesta”, pasa de todo. Os máis cercanos aínda non se manifestan contra a Igrexa con palabras; pero fano coa súa vida dándolle a espalda, salvo moi escasas minorías. Así é que a misa dos domingos, algo moi importante e central para os católicos de tempos pasados, deixou de ser o que viña sendo cando a consideraban un dos valores simbólicos máis importantes do catolicismo. 
Pero chegou a hora de dicilo: Non queren esta Igrexa autoritaria e clericalizada presa de uns esquemas medievais alleos á vida da sociedade actual. Ni tampouco queren un  clero atado á unha tradición que non procede do Evanxeo. Certo que algúns cregos cambiaron algo cando deixaron a sotana, mais non perderon o hábito de impoñer sempre os seus criterios relixiosos, e continúan na mesma. Lucía deixou a clausura do convento, sen abamdonalo, para meterse na sociedade, no mundo  real con unha mensaxe rupturista. 
O Evanxeo é cambio. ¿Por qué, senón, condenaron os poderes do Templo a Xesús? Así é que por moito esforzo que faga o Papa, pode  ocorrer que unha vez que el morra pase coma cando morreu Xoán XXIII, que as portas da Igrexa que el abrira volvéronse a pechar. A Lucía alguén cualificouna coma unha das voces máis claras do Evanxeo, pero a ela preocúpalle a interpretación perversa que algúns “martelos de eirexes” están a facer das súas palabras.
 

Unha Igrexa distinta

Te puede interesar