A nosa ría esmorece

Non gusta en absoluto coñecer, coma poñen de relevo os estudos biolóxicos, que a ría de Ferrol é a que máis concentración de metais pesados contén de tódalas rías galegas. Xa abonda con que o sistema de saneamento e depuración das augas residuais tardara a frioleira de máis de dúas décadas en poñerse en funcionamento, como para que, xusto agora, nos enteremos de que son as propias confrarías as que piden o cese da actividade marisqueira por considerar, entendo eu, que o paro biolóxico acostumado para favorecer a recuperación das especies xa non sexa suficiente.

Esmorece a nosa ría e a un non lle queda máis remedio que preguntarse que é o que pasaría se hoxe en día non estivera a estación depuradora de augas residuais. É evidente que a industria local ten moito que ver, senón todo, na situación das augas interiores ferrolás. Aínda se recorda cando a elas tiraban os electrodos consumidos das soldaduras nos traballos dos buques, ou cando calquera barco que por aquí pasara ou atracase limpaba as súas sentinas derramando os aceites directamente, sen maior reparo. Afortunadamente, hoxe están as leis e as sancións para impedilo, pero hai a sensación de que, coma todo nesta cidade, os remedios chegan tarde e mal e que, o que se ten feito, máis tempo, ahora que parece que hai medios, levará arranxar. A que fora a ría máis produtiva de Galicia, coas ameixas máis sabrosas –co perdón dos de Carril–, xa non é a que era e, o que é peor, xa non sabe se volverá sela. Todos nós somos, en certo modo, culpables.

A nosa ría esmorece

Te puede interesar