Diario de Ferrol

Sábado 11 de Octubre de 2008

Portada - Opinión - Ferrol - Narón - Comarcas - Galicia - Deportes - España -

Mundo - Economía - Sociedad - Comunicación - Última Página -


Os universitarios póñense en forma

Imaxe de arquivo do curso de mergullador deportivo desenvolvido en cursos anteriores

REPORTAXE DE R.P.P.

EXERCICIO > O campus de Esteiro acollerá actividades do programa “Actívate” dentro da Semana do Deporte na Universidade

“Mens sana in corpore sano”. O vello lema en latín segue hoxe máis vixente que nunca e para que as mentes dos profesionais do mañá se aloxen nun corpo saudable Xunta e campus galegos promoverán conxuntamente nos próximos días o programa “Actívate”, baixo o que se agocha a Semana do deporte na universidade.

Os campus galegos acollerán entre o luns e o xoves diversas actividades que promoven o exercicio físico e co que tamén pretenden achegar os servizos deportivos universitarios e a súa ampla oferta. Ao de Ferrol tocaralle o mércores. O campus de Esteiro desenvolverá diversos exercicios entre as doce da mañá e as tres e de catro a sete da tarde, entre eles un test para avaliar a condición física de cada estudante na actualidade. Segundo explicou Yago Arango, coordinador do programa, as probas consistirán na medición de parámetros como a forza, a resistencia ou a flexibilidade, o índice de graxa corporal, entre outras cuestións. Os resultados serán analizados por un grupo de profesionais da actividade física e deportiva que os aconsellará sobre a mellor maneira de organizar a práctica deportiva tendo en conta as preferencias e necesidades de cada un. As cifras obtidas de cada participante compararanse co promedio estatístico que debería presentar unha persoa nun estado saudable e prescribiranse as actividades adecuadas para reforzar aquelas áreas nas que o participante fraquee máis.

Ademais, tódolos participantes nesta primeira posta a punto participarán no sorteo dun iPod Touch de Apple.

A organización de “Actívate” anima a tódolos estudantes a sumarse á iniciativa, e asegura que a práctica habitual de actividade físico-deportiva moderada mellora a saúde e a calidade de vida.

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral para o Deporte, a Fundación Deporte Galego, e as universidades da Coruña (UDC), Santiago de Compostela e Vigo promoven o programa que se desenvolverá entre o luns e o xoves da próxima semana.




Portada | Opinión | Ferrol | Narón | Comarcas |
Galicia | Deportes | España | Mundo | Economía |
Sociedad | Comunicación | Última Página | El tiempo |
Titulares | Servicios | Agenda | Exposiciones |
Cartelera | Correo |