Vén a Galicia a chanceler Merkel. Sorrisas nas fotos, parabéns mutuos e rezos hipócritas van conformar o escenario de mentiras dunha xuntanza que tennos que pór en garda. Porque a realidade reside menos nas negociacións para colocar a Guindos e máis en continuar a senda de ferro de medidas contra a maioría social deste país. Á chanceler non lle importa que os estaleiros públicos da ría de Ferrol non teñan carga de traballo e que milleiros de familias teñan aos seus integrantes no paro e que non se poida construír o dique flotante; ou si, e por iso prefire que os encargos navais os leven os seus estaleiros; non lle importan os máis de 650.000 galegas e galegos na pobreza, nen as máis de 300.000 persoas no paro, ou os 15.000 desafiuzamentos perpetrados neste país, etc. A chanceler expresa unha política criminal e nos entrega razóns abondo para deixar de lado calquer outra consideración menor e construírmos entre todas e todos unha alternativa colectiva e plural que faga que este non sexa un país para Merkel.