Xustiza

sí como a moita xente –coñezo abonda– sempre lle preocuparon, por activa e/ou por pasiva, temas como o da existencia de seres supremos, ou o da morte e a vida eterna, ou o da salvación e a condenación nun suposto xuízo final… a min o que me preocupou de sempre foi o da xustiza. De feito non tomei a decisión sobre estudar Dereito ou Filosofía e Letras ata o momento mesmo de ter que formalizar a matrícula nunha das dúas Facultades, que, casual e curiosamente, na Universidade de Santiago daquel tempo ocupaban diferentes andares do mesmo edificio. Só tiña que ficar na planta baixa ou  dirixirme á primeira. E alí mesmo optei por subir as escadas para Filosofía e Letras, mais, en verdade, non totalmente convencido da bondade da miña decisión. De feito, cando licenciei matriculeime en Dereito, aínda que pouco avancei. Había outras prioridades. En calquera caso, o mundo do dereito sempre me interesou e teño lido bastante de lexislación diversa. Entendía eu daquela, nas portas do ingreso na Universidade, que a xustiza era fundamental para un correcto funcionamento das sociedades. Mais aquela sociedade na que, por desgraza, nos tocara vivir –unha cruel ditadura con todas as letras– non gozaba, precisamente, dun marco xurídico que se puidese cualificar de exemplar. Funcionaba unha xustiza que non era xusta, como que case non era nin xustiza. Como en España non se produciu a necesaria ruptura con ese nefasto e duradeiro período na denominada transición á democracia perviviron xeitos de actuacion que neses momentos habería que ter modificado profunda e seriamente. 
En todos os ámbitos sociais, entre eles o da xustiza. Sen falarmos de certas voltas atrás, que agora non é o caso. Penso e creo que non é bo síntoma de saúde democrática a abundancia de noticias relacionadas co mundo xudicial, na maior parte dos casos relacionadas con esa execrable lacra social que é a corrupción. A máis recente  –ata cando?– das novas sobre o asunto é a da dimisión do xefe da Fiscalía anticorrupción Manuel Moix.  Entendo que se trata, sen dúbida, dunha boa noticia, mesmo que a causa que a motivou non teña, nin moito menos, a gravidade doutras que finalmente acabaron ou poden acabar na impunidade. É obvio que un fiscal, mesmo sen estar en anticorrupcion, sabe sobradamente que non se pode formar parte dunha sociedade -por moi familiar que for- radicada nun paraíso fiscal. Mais ese, como vimos innúmeras veces, é un tema que penso que nin a xustiza nin a propia sociedade -mal sinal- castiga na medida en que se debera. Virarlle a cara aos que se valen desas prácticas é por onde hai que empezar.

Xustiza

Te puede interesar