Xustiza e liberdade

Como son suficientemente maior e, afortunadamente, conservo en moi bo estado a boa memoria que sempre tiven lembro ben algunhas cousas que penso que non está de máis recordar. Mais quero comezar cun moi coñecido pensamento de Eduardo Galeano -con quen tanto me teño deleitado aprendendo- expresado en “El derecho al delirio”, esa súa tentativa de adiviñar outro mundo posible: “La justicia y la libertad, hermanas siamesas condenadas a vivir separadas, volverán a juntarse, bien pegaditas, espalda contra espalda”. Importante detalle, paréceme.
En 1985, o PSOE, que gobernaba con maioría absoluta, levou adiante a aprobación da reforma da Lei do Poder Xudicial. E os medios xornalísticos dixeron que, unha vez que a reforma fora aprobada, Alfonso Guerra, na altura vicepresidente do goberno, pronunciara un “Montesquieu ha muerto”, no que semella clara alusión ao recorte da independencia dun dos tres poderes, o xudicial. Co novo sistema de elección polo Parlamento dos membros do Poder Xudicial todo apunta a que este poder quedou en mans dos outros dous poderes, nomeadamente do executivo. E coa preponderancia deste poder sempre se corre o risco de enfraquecemento da democracia.
Por máis que prometeran cambiar a situación e devolver ao poder xudicial a independencia perdida os gobernos do PP de José María Aznar só modificaron o xeito de elección, que seguiu sometida aos intereses dos partidos. Os gobernos posteriores, de ambos os signos, tampouco amosaron maiores intencións de modificar nada.
E chegados a este punto, asáltame a pregunta de se cunha clara división e independencia dos tres poderes estariamos na mesma situación na que hoxe nos atopamos. E quero pensar que non. Porque a verdade é que sinto un profundo malestar vendo como andan paseando ao seu antollo, por aquí e por acolá, persoas xulgadas e condenadas por moi graves delitos económicos, mentres entran na cadea xentes por actuacións políticas, acertadas ou non, pero, en definitiva, políticas e derivadas de mandatos democráticos. Ao modesto entender deste humilde catedrático universitario, os temas políticos deberían resolverse por canles políticas. Así como non se debería politizar a xustiza, tampouco se debería xudicializar a política. “Nos quitaron la Justicia y nos dejaron la ley”, púidose ler en pancartas do 15-M. E iso, de ser así, habería que corrixilo de vez.
 

Xustiza e liberdade

Te puede interesar