Verdades

inutos antes das seis da tarde do pasado xoves, mentres gozaba contemplando grandes obras das que alberga o Centro Georges Pompidou, percibín a vibración do meu teléfono móbil. Na primeira pausa que fixen -hai abundancia de lugares onde sentar, afortunadamente- comprobei que se trataba dunha mensaxe de WhatsApp dun amigo: “Atentado en Barcelona / Pon a tele”, dicía. Contesteille que nada sabía, porque seguía en París. Pouco despois, tomando un café no propio museo, confirmei e ampliei algo a penosa noticia. Porque as noticias de mortes violentas, por máis que esteamos afeitos a vivir con elas, son sempre moi malas, penosas, noticias. Xa pola noite, na televisión do hotel, puiden obter moita máis información en diferentes cadeas. Vin, inclusive, as declaracións á prensa de Mariano Rajoy, a sabendas de que me poñería de mal humor. De moi mal humor, como me pon absolutamente sempre. Non soporto ese seu ar de ovella degolada mesturado coa prepotencia de quen se cre en posesión da verdade. Da verdade, ademais, absoluta. Non hai outra que a súa. Que é tamén, como non, a do PP. Tanto é así, que, aínda que se me fai difícil acreditar en que el mesmo crea o que nos está dicindo, ás veces chego a dubidar de se realmente non o crerá. Porque un non pode esquecer que cando se producira aquel tremendo atentado do 11 de marzo de 2004, Mariano Rajoy, que era o candidato do PP nas eleccións que se ían celebrar neses días, manifestara que tiña a convición moral de que fora ETA a autora, na liña defendida polo partido, convencido de que podía perder as eleccións se se tratase dun atentado islamita. E neste asunto das crenzas, tamén convén lembrar que o propio candidato derrotado declarou meses despois  que non cría que os detidos fosen os organizadores dos atentados. Non vou errado se manifesto que, alén da indignación e da dor, tamén se trata de aproveitar o momento para sacar  tallada política de sucesos espeluznantes. Visto o visto, como non vai molestar o que adoita dicir este señor, máxime cando é presidente? Case diría que estou convencido de que detrás das declaracións de Rajoy manifestando saber que se vence os terroristas con unidade institucional e colaboración policial hai algo máis que vencer o terrorismo e os terroristas. Desde logo, non lle escoitei a ninguén manifestarse en contra diso. O que non me queda tan claro é o que entende Rajoy por “unidade” e por “colaboración”. Será facer o que lle parece a el, aparente posesor da verdade absoluta?
 

Verdades

Te puede interesar