Un adeus

Antonte, no transcurso dun xantar que adoitamos facer, dúas ou tres veces ao ano, un grupo reducido de amigos, estáballe ensinando a Vicente Araguas un vídeo dos actos do 25 de abril no Porto e por aí citou a morte de Fina Foira, acontecida o día anterior. Fiquei pampo, pois nada soubera. Ninguén mo fixera saber e neses meses en que residín en Portugal apenas tiven máis noticias que as dos medios de comunicación portugueses. Entristeceume de verdade a nova. 
Fun moi amigo de seu fillo José –a quen vexo pouco–e sigo séndoo de Luis e a ela sempre lle tiven un especial cariño. Xa pola noite, lembraba as veces que alí me acolleu para xantar, cear, durmir ou o que fixese falta, neses tempos de amoriños primeiros –que a canción di son moi malos de olvidare–, de paixonetas, fermosa palabra que din os portugueses. Na casa dos Foira, no Empedrón, sempre atopei o cariño de Fina que, malia ter que atender cinco fillos, me coidaba como un máis. Poder ficar pola zona sen necesidade de volver a Ferrol era moi de agradecer. Nunca o esquecín, como ela sabía e os fillos saben. Obrigadísimo, querida Fina.

Un adeus

Te puede interesar