Transporte

Podería ter sido perfectamente eu unha das persoas que aparecen na primeira plana do noso Diario de hai dous días, diante dun panel informativo da estación de autobuses ferrolá. Así, talmente, estiven na mañá do martes. O motivo? Pois o que daba o Diario: Monbus tiña os teléfonos inoperativos e precisaba coñecer os novos horarios. Viva o progreso! E o xeneralizado desprezo absoluto pola xente. Porque ninguén fai nada. Hai poucas semanas, asistíamos a unha serie de mobilizacións de habitantes das Pontes –cos seus representantes políticos á fronte– por mor do traslado do alumnado dun colexio. Un problema non menor. Mais creo que é significativamente maior o problema do transporte de Ferrol e a súa contorna. De entrada, son moitos máis os afectados. A situación é vergoñenta e aquí non move un dedo ninguén, non se mobiliza nin o gato. Non vale falar de tempos vacacionais. Sobradamente sabemos que todos os poderes botaron e seguen a botar man de datas como estas para facer as maiores falcatruadas. Saben que vai haber menor contestación e despois... tururú que te vi. -Os cambios non estarían tan mal cando ninguén dixo nada, argumentarán, como sempre. E nós con estes pelos.
 

Transporte

Te puede interesar