Sorpresas

Sei, porque coñezo xente así, que a medida que se van cumprindo anos se pode correr o risco de pensar que xa o viu todo, ou case todo, na vida, que é pouco o que queda por facer e que xa non paga moito a pena preocuparse polo que non nos vai tocar. A vida convértese en tediosa rutina en espera dunha morte, que, paradoxalmente, se desexa que canto máis tarde chegue mellor. Confeso que a min, que xa levo mediada a sesentena, nada diso me ten pasado e confío en que non me vai pasar nunca. Como é obvio, menos no caletre –“ten a cabeciña toda!!”, como se adoita dicir–, sinto no corpo todo o paso dos anos, o que ás veces, afortunadamente non moitas, me produce certo malestar, se cadra máis aínda mental que físico. Confeso que eses pequenos malestares e enfados comigo mesmo son ocasionais e duran un nada, porque aprendín a convivir coas limitacións derivadas do paso dos anos. Interioricei que nunca máis poderei realizar determinadas actividades nin viaxar a determinados sitios, poñamos por caso ao Machu Pichu. Pero sei que, de momento, podo ir a infinidade de lugares, coñecidos ou por coñecer, e facer cantidade de cousas que me producen gozo e pracer. Calquera cousa menos vexetar. 
O que si me produce preocupación profunda é o rumbo que tomaron os que gobernan o mundo, que xa teñen decidido que nos queren poñer á práctica totalidade dos habitantes do planeta pouco menos que a pan e auga. E non o digo esaxerando nada. Dígoo tal o penso e creo. E nunca fun pesimista en absoluto. O que vexo diariamente polas rúas ou na televisión, escoito nos noticieiros ou leo nos xornais dime que todo está perfectamente deseñado e con escasisimas marxes de escapatoria.
Onte mesmo, e xa antonte, atopei no noso Diario unha páxinas dedicadas ao ensino, xa que, polo visto, o día primeiro se abriu o prazo para que soliciten centro as crianzas que van comezar a súa escolarización e aqueloutros rapaces e rapazas que quixeren mudar de centro educativo. Da lectura desas páxinas é de onde veu todo isto que aquí fun escribindo. A rapazada máis pequena –de momento representada polos pais, naturalmente–, xa no comezo de marzo ten que gañarse a vida, total para que a maior parte dela, tanto a estudiosa, traballadora… como a que non o sexa, vai atoparse á volta duns anos nos lindeiros da desesperación. Porque hoxe xa está así a inmensa maioría da xente moza. E, por agora, certa parte dela pode, con sorte, contar coa axuda familiar –pais, avós…– o que non está tan claro que vaia seguir ocorrendo a non moi longo prazo. Porque todo isto non é coxuntural, nin moito menos. É sistémico e non hai máis que ver a evolución dos salarios e dos prezos. 
Mais, o que se pode ver nas citadas páxinas é unha chea de anuncios de centros ofertando todas as marabillosas marabillas do marabilloso mundo que nos están montando. Isto non é novo, lémbroo de sempre, e logo a realidade era ben outra, antes e agora. O novedoso, para min –se cadra xa non é tan novo–, foi ver que tamén se publicitan algúns centros oficiais, algún CPI ou IES, que me pareceu alucinante. Como a educación é un dereito, estou convencido de que o ensino non pode ser un negocio. E menos aínda se hai quen fai negocio cos cartos de todos. 
O Estado ten que ter centros suficientes para garantir a mellor formación a todos os cidadáns, que son os que o sosteñen cos seus impostos. E os centros teñen que ser estatais e contar co mellor profesorado, seleccionado polo propio Estado. Isto non implica que non poida haber ensino en mans privadas, mais, iso si, quen o use que o pague do seu peto.

Sorpresas

Te puede interesar