Ses

Antes de máis nada, debo dicir que son fiel seguidor da carreira musical de Ses e que gusto moito desa liña, na miña opinión, oportuna, novidosa e atinada que lle anda a dar á música galega. E, ata se cadra, gusto máis aínda pola naturalidade coa que realiza e presenta o seu traballo. Nótase que fai todo con tremendas doses de paixón e convencemento, lonxe das habituais concesións á galería. Fai o que fai, porque entende que é o que debe facer, á marxe das consideracións que os resultados poidan merecer. É un traballo sincero e honesto, calidades ambas que lle debemos esixir a calquera creador, a calquera artista que se prece. O da ética e a estética, vamos. O domingo último cantou nas festas de Mugardos e alí estiven a plena satisfacción -de non ser polos fumes, como se pode fumar nunha carpa?- escoitando en directo temas que só ouvira dixitalizados. Saín do máis contento. Delicioso ver e escoitar tanta xente, cativos e cativas incluídas, que acompañaba as cancións que sabía de cor. Gratificante ver tamén como Ses, malia o merecido éxito do que desfruta, segue a ser aquela coraxuda María Xosé Silvar que, hai xa uns cantos anos, tiven o pracer de coñecer, cando era unha boa estudante e unha boa pandereteira.

Ses

Te puede interesar