Retrocesos

Hai uns días atopei en Cambre un colega, profesor titular na Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da Universidade da Coruña, ao que me une unha boa relación amical e ao que había ben tempo que non vía. Botamos un bo cacho conversando e, como non podía ser doutra maneira, un dos temas preferentes foi o da situación da educación na Universidade.
Aínda que xa hai seis anos que deixei de impartir docencia regrada sigo tendo contacto con ese mundo pola miña condición de profesor honorario e polas amizades. Fronte ao que moita xente poida pensar a vida dos docentes de todos os niveis –uns por unhas cousas e outros por outras–é cansativa e chega a esgotar. Xa sei que non é a mina, nin o andamio, nin o mar, nin... pero por veces é cousa dura. 
Mais ese non foi o motivo que máis pesou en min á hora de decidir acollerme a unha forma de prexubilación que hoxe, por motivos económicos, xa non existe. A principal razón para deixar de facer o que levaba facendo toda a vida foi que se me botaba enriba a adecuación curricular ao chamado Plan Bolonia, do Espacio Europeo de Educación Superior, ese sistema que, honestamente, só se pode defender sendo partidario da privatización e da mercantilización do ensino. A educación como negocio. Como unha forma máis de facer cartos.
E eu estou nas antípodas –e máis lonxe se for posible– desa maneira de pensar e actuar. Recordaba na conversa dese día un curioso episodio que vivín nun dos meus últimos anos en activo nun acto de final de curso. Nos últimos vinte anos veuse consolidando a chamada festa do licenciado –agora do graduado–, costume que, como tantos outros, procede da terra do señor Trump. Aínda que sempre me pareceu celebración de escasa consideración e un tanto cursi e infantil, foron unhas cantas veces nas que, por diferentes motivos, me vin “obrigado” a asistir e participar.
 Os estudantes elixíanme padriño da promoción e non me parecía elegante dicirlles que non. Pois ben, nunha destas ocasións dediquei o meu discurso –consérvoo e aínda mo pediu un alumno de aqueles non hai moito– a atacar o citado Plan. O curioso foi que o vicerreitor que representaba á institución levaba un discurso laudatorio do novo modelo a implantar. Anos abondos despois sigo estando convencido que eu levaba razón.
O modelo, ideado polos grandes poderes económicos, tende a converter a Universidade en pouco máis que un centro de secundaria e de aí para abaixo. Ou, se quixermos ao contrario: como a primaria xa case é unha preescolar e a secundaria unha primaria o ensino superior ten necesariamente que cubrir o papel da secundaria. Haberá quen pense que esaxero, pero as cousas van moito por aí. Ollo!, por toda esta Europa adiante.

Retrocesos

Te puede interesar