Quini

Sorprendeume, como a tanta xente, a repentina morte de Enrique Castro “Quini”. Todos temos que morrer, ata parece estúpido dicilo, mais cando falece alguén que lle viu a cara á morte por estar afectado por algún tipo de cancro -iso que absurda e eufemisticamente se adoita denominar longa enfermidade-, como é este caso, parece como se nos sorprendera máis. Quini superara exitosamente dous cancros de gorxa. Lembro imaxes súas dese tempo non tan lonxano e a verdade é que daba peniña ver un home tan forte naquel estado. Mais, coa medicina e coa forza de vontade, tan importante cando un se ve metido en leiras desas, logrou vencer a enfermidade. Agora foi un infarto o que o afectou e sen lle dar oportunidade de resposta. Mágoa. No remate de contas todos morremos do mesmo xeito, cando, por unha causa ou por outra, deixa de bater o corazón. Hai tempo que lin nunha das columnas dun xornalista escasamente coñecido, dos que se adoita denominar, sen ánimo desprezativo ningún, do montón, que unha das vantaxes de nacer nun concello pouco habitado era a de que algún día te puidesen facer fillo predilecto. Era o seu caso, xa que acababa de ser nomeado tal cousa no seu concello de nación. A Quini non o fixeron fillo predilecto no seu Oviedo natal -que non é un concello pequeno-, mais, hai un par de anos, o de Xixón -que tampouco o é- si o fixo fillo adoptivo. Quini recebeu o galardón moi emocionado. Non era para menos. Non é realmente bonito que recoñezan a un no lugar ao que, polo que for, algún día chegou a residir? Sempre me pareceu que iso ten tanto ou máis valor que ser fillo predilecto do sitio onde se naceu. Por iso nunca entendín, vólveme agora á cabeza, o porqué en Ferrol se fai fillos predilectos, e non adoptivos, a persoas que non naceron na localidade. Pensarán os que se ocupan desas cousas que adoptivo é unha distinción menor? Mais iso é outra a historia. Volvendo a Quini, é obrigado dicir que o concello xixonés -un detalle que o honra- acaba de adoptar o acordo de lle engadir o  nome de Enrique Castro ao estadio do Molinón, a súa casa futbolística de tantos anos. Xusto premio a quen, á parte doutras aportacións, gañou cinco trofeos Pichichi de máximo goleador. Dous co Barça, que non é pouco, e tres co Sporting, cousa ben máis difícil. Trofeos aos que hai que engadir os outros dous que logro en segunda, tamén co equipo da súa terra. De ben nacidos é ser agradecidos, di atinadamente o refrán.

Quini

Te puede interesar