Poesía salvaxe

Prodúceme fonda satisfacción ver como ano tras ano, dificultade após dificultade, atranco vai, atranco vén, a idea da Semana Salvaxe levada á práctica por Guillermo Ferrández, Carlos Lorenzo e Juan Carlos Valle “Karlotti” foi collendo musculado corpo e conseguiu chegar, nestes días finais de abril, “o noso mes das Barricadas en Flor”, en palabras dos organizadores, á X edición. Gustaría inmenso que chegase á trixésima e, como non, podelo ver. Sería bo síntoma de que non todo se foi ao garete, de que seguen existindo eses espazos de liberdade dos que nos queren privar todos os xerarcas do novo capitalismo que no mundo son. Eses que un taxista napolitano cualificou de “dittatura da deliquenza”. Contouno Paco Ibáñez, a estrela principal, sen dúbida, desta X semana de Poesía Salvaxe. Fiquei en Ferrol, despois destas últimas ferias , para ver Paco Ibáñez. Vírao en Compostela, na compaña de Moustaki, hai moitos anos. E apetecíame volvelo ver,  desta volta na compaña de meu neto Iago. Hai xustos 15 días que estiveramos vendo Vitorino en Famalicão e, non saíu entusiasmado coma min, mais dixo que lle resultara interesante. Desta volta pasoulle algo parecido. O rapaz estaba canso –pola mañá tivera un exame– e ademais, como lles acontece aos adolescentes de hoxe, está pouco afeito a eses tipos de música. Non é, evidentemente, a dos CD’s que me pon no coche, da que, por certo, eu tamén gusto. Con todo, saíu contento. Sorprendeume que coñecese varios dos poemas –Arcipreste de Hita, Góngora, Neruda– por telos lido e non polas versións musicadas. Loxicamente, foi cos que máis desfrutou. Tamén, como non, coas “Palabras para Julia”, que coñecía na versión de Los Suaves. Encantoume o concerto de Paco Ibáñez. Máxime, porque, se ben estaba convencido de que ía pasar un bo rato, non agardaba atopar un artista tan pletórico, porque os anos pasan, e pesan, para todos. Mais, ademais de gozar con Paco Ibáñez, as actividades deseñadas por Guillermo, Carlos e Karlotti, permitíronme conversar na Sala Super8, con persoas de fóra de Ferrol ás que quero e admiro como O Leo, García, María Lado e Lucía Aldao -alumnas miñas que foron- ou Yolanda Castaño e contemplar a arte de case todos/as eles/as. Mágoa non poder ver máis. Agardo xa pola XI Semana.

Poesía salvaxe

Te puede interesar