Olga

“”Nada máis fermoso que encetar a boroa dun amor novo”. Con estas palabras, coas que me identifico plenamente, que ben poderían ser ou, en realidade, xa son un verso redondo, comeza Vicente Araguas “Da man de Olga”, texto de presentación da revista deste título: Olga, “pegada na neve ou nome de muller”, acompañado do explicativo subtítulo Revista de Poesía Galega en Madrid. A portada encamíñanos, ademais, ao que quixo ser este primeiro número “O Grupo Bilbao no Café Comercial”, foco de atención que capta e sintetiza moi ben a espléndida foto do escritor estradense Manolo Pereira Valcárcel, a maiores secretario de redacción desta publicación que anda a dar os primeiros pasos presentándose en sociedade. Os ouvintes de Sabina  coñecen ben aquilo de “Tirso de Molina, Sol, Gran Vía, Tribunal, / ¿Dónde queda tu oficina para irte a buscar?”, daquel xa idoso “Caballo de cartón”; e os usuarios do metro madrileño saben que a seguinte estación desa liña 1 é, precisamente, Bilbao, obxectivo da cámara do Pereira que enmarca o toldo co nome do Café Comercial no arco dunha das bocas de entrada que di: “Metro / Bilbao”. Lembro que pola zona andaramos, na fresca noitiña do 22 de marzo de 1975, Vicente Araguas –xa profesor en Madrid–, Luís Emilio Batallán –centrado nos últimos toques ao seu primeiro LP, “Ahí ven o maio”– e eu mesmo –sarxento de infantería na Academia de Toledo– á procura dun café cómodo para ver o festival de Eurovisión. O Comercial, paréceme recordar, non tiña televisión. O evento non debeu ter maior transcendencia porque non me acorda nada. Si, pola contra, teño bastante nítido o recordo do café da rúa Fuencarral onde finalmente recalamos. Leo, agora, que Estocolmo fora a cidade de celebración, que Sergio e Estíbaliz, coa canción “Tú volverás”, representaran á TVE e quedaran en décima posición; que resultara gañador un, para min descoñecido, grupo holandés Teach-In, co tema “Ding-a-Dong” e que a segunda praza, representando a BBC, ocupárana os ben coñecidos The Shadows con “Let Me Be The One”. Chocoume que a miña boa memoria musical non me permitise articular nin unha palabra nin unha nota de ningunha destas cancións. Escoiteinas e daquela si as recoñecín, se ben nunca as identificaría con ese certame do 75. Obviamente, non me debeu interesar o máis mínimo. Só unha maneira de pasar o tempo. Tempo que seguiría pasando ata que, nunha fin de semana calquera, aló por 1996, os poetas galegos tomadores do rico café no Comercial da Glorieta de Bilbao, entenderon que conformaban un grupo, que acabaría chamándose Grupo Bilbao. Pasado mañá, cumprirase un ano do peche do Comercial, que era o café máis vello de Madrid, e que desde 1887 –ademais dos destes poetas galegos que hoxe nos alegran a vida coa lectura de Olga–, acolleu nas súas mesas falares de xentes da relevancia de Galdós, Machado, Blas de Otero, Celaya, Gloria Fuertes, Pepe Hierro, Caballero Bonald ou Luís García Montero. A xente do grupo que segue habitando precisaba doutro local onde citarse para falar os últimos sábados de mes, en sendo posible sen afastarse da zona da que toma o nome. E atopouno na Cafetería Santander, onde xa se lle deu forma definitiva a esta Olga. Este primeiro número acolle quince voces –nove homes e seis mulleres–, de diferentes feituras, idades e procedencias, algunha xa non residente en Madrid, como o amigo Claudio Pato, habitante en terras coruñesa, e algunha infelizmente falecida, tal o caso do benquerido e admirado Sabino Torres, que case chegou a ver o número impreso. A Sabino, aconteceulle o mesmo que a Ramón Cabanillas coa súa Obra completa, publicada en Buenos Aires: sabía que estaba, mais non a tivo na man. E quero lembrar isto porque o gran don Ramón, no Madrid dos 50, “presidira” unha importante tertulia de galegos no Café Lion d’Or, na rúa Alcalá, á que acudía Sabino Torres cando andaba por Madrid. Agardamos xa polo próximo número.
 

Olga

Te puede interesar