O dérbi da luz

Lembro que de pequeno escoitaba con certa frecuencia o dito popular, refrán ou como lle queiramos chamar “—¿Dónde va Vicente? —Donde va la gente”, así en español. Paréceme que tamén o hai en galego, mais a verdade é que nunca o escoitei. Obviamente, sendo moi neno, como era, non lle collía todo o significado, pero, sen saber ben por que, recordo que non gustaba nada del, como hoxe, naturalmente.
Non sei se será por iso ou por calquera outra razón -desidia incluída- sempre fun pouco dado a planificar as miñas viaxes, máxime se vou a sitios que xa coñezo. Mesmo teño viaxado sen aloxamento, o que me ocasionou en varias ocasións problemas de diferente índole, entre eles ter que gastar un pastón en lugares que non o merecían. En fin.
En calquera caso, sempre deixo tempo abondo para a improvisación, para ir onde e cando lle cadre. Nesta semana que se nos foi pasei uns días en Braga. Levei hotel reservado e o resto a ver o que viña. Malo sería que algo novo que ver non houbese. Efectivamente hóuboo, mais que tivese que ser na televisión. O mércores había xornada da liga portuguesa co Benfica recibindo o Sporting, as aguias contra os leóns no estadio da Luz. E que espectáculo o da aguia voando polo recinto nos minutos previos ao inicio dos xogos. Por estes lares hai enfrontamentos que arrastran centos de miles de persoas, mais o de Portugal é moito. Penso que Portugal xa non é aquel dos tres efes: fútbol, fado e Fátima, mais o xogo da pelota segue ocupando moito espazo na vida dos nosos irmáns do sul. Este ano o partido presentaba como alicientes engadidos o feito de que ningunha das equipas podía perder, se non quería afastarse do Porto na cabeza da clasificación, sobre todo o Benfica, e o enfrontamento verbal entre as directivas. Tanto é así que o presidente do Sporting decidiu acompañar a torcida do club tanto no desprazamento a pé, rodeados pola policía, ata o estadio, como nas gradas deste. Nada de palcos. Todos os medios prestaron días de atención ao evento e nin que dicir ten que para ocupar un asento cómodo nun bar había que instalarse con suficiente antelación. Inesperadamente, gustei dun partido en que, finalmente, o Benfica, que merecera a vitoria, conseguiu empatar, de penalti no último minuto, e pode continuar na loita polo título. A ver se o consegue.
 

O dérbi da luz

Te puede interesar