Mordazas

Non esaxero se digo que Pep Guardiola foi un dos xogadores que vin nun campo de fútbol –na televisión é algo ben diferente– dos que máis gustei e co que máis desfrutei. E abofé que foron moitos os grandes xogadores que, sobre todo no campo de Riazor, puiden ver ao longo da miña vida e xa non digamos nos tempos en que o Deportivo era quen de lle gañar a quen se lle puxese por diante. Tempos houbo en que case abondaba cos da casa.
Lembro ben o que me impresionou a primeira vez que o vin. Foi no Deportivo-Barça da temporada 1991-1992, que acabou con vitoria azulgrana por 0-4. O Deportivo acababa de ascender a primeira despois de longos anos vagando pola segunda. O Barcelona viña de gañar a Liga e xa case era aquel dream team de Joham Cruyff que conseguiría catro campionatos consecutivos, ademais da Copa de Europa desa propia temporada. Naquel conxunto cheo de figuras, Zubizarreta, Baquero, Koeman, Laudrup, Stoichkov..., o que máis me chamara a atención fora precisamente Guardiola. Era case un cativo e xa se notaba o moito peso que tiña no xogo do equipo. Tremendas a personalidade, a colocación, a soltura de movementos, a presión aos contrarios, os pases medidos..., esas súas características que todo o mundo soubo apreciar co paso do tempo. Sabía interpretar á perfección o deseño do adestrador –nomeadamente Cruyff– para cada partido. Guardiola soubo aproveitar todo o que lle ensinara o holandés de fútbol total, de posesión do balón e dos espazos... e adaptalo á súa persoal concepción do xogo. Púxoo en práctica no Barça e conseguiu o que nunca conseguira ninguén en ningún equipo de fútbol do mundo e que vai ser difícil que volva conseguir calquera adestrador. El incluído.
Co Bayern conseguiu tres Bundesligas consecutivas e agora está no camiño de converter o Manchester City no mellor ou nun dos mellores equipos do mundo. O City domina notoriamente na Premier, está clasificado para a seguinte ronda da Champions, a semana pasada gañou a Carabao Cup, a Copa inglesa, derrotando contundentemente ao Arsenal por 3-0... É pois un adestrador do que falar. Mais se a día de hoxe se fala de Guardiola non vai ser por eses seus éxitos deportivos senón polo uso permanente que fai do lazo amarelo, demandando a posta en liberdade dos presos políticos cataláns. 
Nunha moi cutre interpretación de regulamentos, hai un par de días que a Federación Inglesa lle comunicou ao adestrador unha sanción de 20.000 libras por exhibir unha mensaxe política co seu uso indebido do lazo amarelo. 
O xefe de deportes dun diario serio e de dereitas como é The Times cualificou de estúpida e desmesurada a decisión da FA de sancionar a Guardiola. Será que volve a Inquisición?
 

Mordazas

Te puede interesar