Mans negras

Durante bastantes anos impartín unha materia cuadrimestral denominada “Literatura Galega”, de carácter optativo para o alumnado do segundo ciclo das titulacións de Filoloxía Hispánica e de Filoloxía Inglesa, que supuñan o groso da matricula. Tiven alumnas e alumnos de Maxisterio, de Psicopedagoxía, de Bioloxía, de Química, de Arquitectura. A maior parte dos cursos a matrícula superou o centenar de alumnas e alumnos. Dado que nunca, nos preto de corenta anos que impartín aulas na Universidade, considerei necesaria a asistencia, porque sempre pensei que en boa parte das materias non é fundamental –todo, ou case, está nos libros–, houbo xente á que non lle vin a cara moito máis aló do día dos exames, ordinario e/ou extraordinarios. Lembro que un ano batín cun exame que me deixou sorprendido polo moi ben que estaba feito e pola intelixencia que  transmitía. O nome do alumno non me soaba para nada e fun mirar as fichas para saber de quen se trataba. Nin ficha había. Púxenlle a correspondente matrícula de honra, que era a cualificación que o exame merecía e xa. Quedei co nome,  coñecino non moito despois en actividades relacionadas co mundo do cine e daquela a hoxe, en que é o eficiente responsable de Cultura, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, manteño unha cordial e amical relación con José Manuel Sande. Lembrei todo isto a conto da noticia do peche da cafetaría de Filoloxía do coruñés campo da Zapateira. A verdade é que na cafetaría dese edificio xa cando traballaba nunca vin moita xente, mais nos últimos tempos, en que me achego moi de cando en cando, o baleiro é deprimente. Lembro que naqueles tempos de Sande, últimos anos do século XX, a cousa era ben diferente. O normal era ver as cafetarías cheas. A xente lía, copiaba apuntamentos, conversaba de asuntos académicos ou do que for. A cafetaría era un complemento necesario para unha vida universitaria sa. Nos últimos tempos, desde a implantación do chamado plan Bolonia, todo o bo que tiña a Universidade  tende a desaparecer. Sempre fun persoa optimista, mais nos últimos tempos asáltanme grandes doses de pesimismo. E isto só é por cuestión de idade no que toca ao relacionado coa experiencia, a aquilo tan manido de que máis sabe o diabo por vello que por diabo. Por moito que nos digan, a situación non vai cambiar e se algo cambia vai ser para peor. 
 

Mans negras

Te puede interesar