Magna exposición

Nesta semana que acaba puiden, por fin, achegarme ao Kiosco Alfonso, esa fermosa e, para min, entrañable construción modernista deseñada polo arquitecto Rafael González Villar, inaugurada en 1913 e soberbiamente rehabilitada polo tamén arquitecto, colega e amigo Xosé Manuel Casabella, para sala de exposicións municipal, en 1982. E foi, precisamente, unha exposición a que me levou alí: Fernando Rey / Cabaleiro do cinema 1917-2017”, montada pola Concellería de Culturas coruñesa para conmemorar o centenario do nacemento dese seu fillo predilecto e excelente actor nado Fernando Casado Arambillet. 
Creo que o primeiro que debo dicir, aquí e agora, é exactamente o que pensei cando saín aos xardíns de Méndez Núñez despois de ter visto todo o que alí se pode ver: que magnífica exposición, grandiosa. Logo, recordándoa e dándolle voltas a este ou aquel aspecto particular, pensei no grao de influencia que puido ter na miña valoración o feito excepcional de ter tido como guía particular a un dos comisarios da exposición: José Luís Castro de Paz, doutor en Historia do Cine, catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago e grande e querido amigo de vello. Tívoo, sen dúbida, aínda que para saír talmente compracido do Kiosko Alfonso abondaría con facer unha visita atenta e demorada dos diferentes materiais que se nos presentan. Atopamos unha boa mostra de fotografías de diferentes épocas da súa vida, de lugares diversos, só ou acompañado de familiares ou de recoñecidos personaxes da profesión. Tamén de escenas relevantes dun bo número de filmes nos que participou, desde Los últimos de Filipinas (1945), ata El Quijote de Miguel de Cervantes (1991), pasando por tantos tan coñecidos como Locura de amor, Marcelino, pan y vino, Viridiana, Campanadas a medianoche, Tristana, The French Conection e The French Conection II, El discreto encanto de la burguesía, Ese oscuro objeto del deseo, Elisa vida mía, etc., etc., películas que nos levan a nomes como Carlos Saura, Luís Buñuel, Orson Welles, John Frankenheimer,... Podemos ver tamén carteis de determinadas películas, escoitar a súa voz en diferentes idiomas e diversos filmes e ver algunhas secuencias doutros. Tamén se exhiben algúns dos galardóns que lle foron concedidos ao longo da súa vida, a estatua do Goya incluída. E, como non, documentos vitais de grande relevancia como a conmutación da pena de morte do pai, duro episodio no que o actor tivo moito que ver. En resumo, unha exposición desas que non se poden perder

Magna exposición

Te puede interesar