Letras e himnos

Como é ben sabido, a Marcha Granadera ou de Granaderos, tamén coñecida como Marcha Real, vén funcionando como himno español desde o s. XVIII. E non ten letra. Así mesmo, é máis que sabido que os granadeiros eran os soldados, necesariamente altos e fortes, que tiñan como misión o lanzamento das granadas, que, é ocioso dicilo, están destinadas a matar. E así como non hai guerras boas, tampouco semella moi coherente dotar cunha letra pacifista un himno que ten unha denominación guerreira. Por iso non me cadra nada a proposta dunha letra para a Marcha Granadera que se titule “Por la libertad” e na que, segundo se nos di, na noticia que  hai un par de días, puidemos ler nos xornais, non se fala de España, nin de patrias nin nacións e si de liberdade, convivencia, porvir... A nova informa tamén de que o autor desa proposta é un señor de Valladolid, chamado Guillermo Delgado Ortega, e de que a presentou na Comisión de Peticiónss do Congreso dos Deputados. Tamén se nos di que, a maiores, gravou dous vídeos. Un en versión solemne e outro en versión flamenca. Non sei en que acabará a cousa, mais a verdade é que non lle vexo sentido ningún. Empezando porque non lle vexo a necesidade de poñerlle unha letra a unha música que leva séculos tocándose sen ela. e non será porque non houbo intentos anteriores.
Eu, que teño sesenta e cinco anos, nas portas dos sesenta e seis, aínda sei de cor esta letra: “¡Viva España! / Alzad los brazos / hijos del pueblo español / que vuelve a resurgir./ Gloria a la Patria / que supo seguir / sobre el azul del mar / el caminar del sol. //¡Triunfa, España! / Los yugos y las flechas / canten al compás / del himno de la fe. / Juntos con ellos / cantemos en pie / la vida nueva y fuerte / de trabajo y paz”.
Sei, de sempre, que é de José María Pemán, de quen cheguei a facerme a idea de que era o único escritor vivo en España. Iso debido ao que vía na televisión, despois de 1963, ano en que meus pais mercaran o primeiro aparello. Estaba ata na sopa. Téñoo na cabeza, moi particularmente, presentando cada capítulo dunha serie escrita por el: “El Séneca”, aínda que penso que desconectaba axiña, que poucos capítulos completos debín ver. 
Pouco a pouco fun sabendo que Pemán nin era o unico escritor español vivo nin tan sequera era o máis afín ao réxime, ao franquismo. Porque a tele, a única que había, censuras aparte, era do réxime. Un elemento máis, e moi importante, ao servizo da propaganda do réxime, a engadir a Radio Nacional de España, á rede de emisoras e da prensa do movemento, ao NO-DO... E na televisión non lle ían dar alegremente audiencia ao primeiro que pasara por alí. Que, obviamente, non era o caso do ultracatólico escritor gaditano. O que xa non teño nada claro é onde aprendín esa letra do himno español, que sei que foi un encargo da ditadura do xeneral Primo de Rivera –se cadra ata do propio ditador, do que era parente–, aínda que unha vez imposta a ditadura do xeneral Franco lle fixo algunha pequena adaptación, acorde co falanxismo. Na casa fixo que non. É posible que no colexio, aínda que dos catro cursos da primaria que fixen nas Discípulas de Jesús só recordo cantar aquilo de “Montañas nevadas, /  banderas al viento, / el alma tranquila. / Yo sabré vencer...”
Tamén sei aquela outra, máis informal que cantabamos de nenos: Franco, Franco / que tiene el culo blanco / y su mujer también...
Mais Franco –que non o franquismo– morreu e esta letra, divertimento á parte, xa perdeu o sentido. E a de Pemán, fose oficial, fose oficiosa, non funcionou. Para que letras? E himnos?
 

Letras e himnos

Te puede interesar