Letras Galegas

ste 17 de maio non me cadrou pasalo en Galicia. Para lembrar a data e supoño que a xeito de homenaxe a Casares, Alejandro del Río, bo amigo e camarada ao que moito aprecio, colgou unha foto da portada de Xoguetes pra un tempo prohibido -que é como se titula o exemplar que eu teño de 1975-, novela que resultara gañadora do certame ‘Vintecinco anos de Galaxia’. Como Alejandro é un tanto máis novo, a capa do seu exemplar xa non é a mesma da 1ª edición, a que eu teño, esa que fixera Luis Mariño na que se ve unha vella xanela entreaberta e unha boneca sentada no alféizar, que ademais de ben suxerente, sempre me pareceu bonita e interesante. Dicía que subira esa foto porque gustara da novela, cando a lera por primeira vez, hai máis de 25 anos e por iso volvera a ela tempo despois. Creo recordar que a min tamén me parecera atractiva, principalmente porque o ambiente universitario compostelán que reflicte me resultaba moi familiar, era esencialmente o que eu vivira, cousa normal se temos en conta que Casares finalizou os seus estudos o ano que eu os empecei. E, por riba, nas mesmas aulas. Se a tivese a man teríaa relido ese día, mais non podía ser. Si tiña comigo outra obra de Casares, coa que, por outras circunstancias, teño certa relación: Un polbo xigante. Durante uns cantos anos fun coordinador  duns ciclos de literatura galega realizados pola Universidade da Coruña e a Real Academia Galega co patrocinio da Xunta. Luciano Rodríguez e mais eu decidimos dedicar o do curso 1999-2000 á creación narrativa, convidando a cinco recoñecidos escritores do xénero a escribir un relato ao redor dunha frase que lles proporcionamos. Un deles foi Carlos Casares, quen, o 27 de outubro de 1999, no Salón de Actos da Real Academia Galega, deleitou o auditorio coa lectura dese seu texto escrito expresamente para aquel ciclo que titularamos Novos exercicios de estilo. 
E o día 17, en homenaxe-lembranza a Casares, relín ese texto que, se cadra, me divertiu máis aínda que nunca. É o meu desexo poder escribir algo semellante dedicado a Carvalho Calero o próximo ano, como escritor homenaxeado nas Letras Galegas 2018.
 

Letras Galegas

Te puede interesar