Legalidades e gastos

Entendo que un escrupuloso cumpridor de todos os extremos de todas e cada unha das leis que conforman a legalidade vixente en calquera colectividade pode esixir con rotundidade que todo o mundo afectado por esa lexislación faga o mesmo. É, sen dúbida de ningún tipo, o que ten que facer. E dígoo –vanme permitir que fale de min, porque hai moitos anos que me coñezo– desde a perspectiva de alguén, eu mesmo, que  pretende cumprir a conciencia e punto por punto coas leis mais que, por calquera motivo, non o consegue na súa totalidade. Sempre hai algo que se escapa. Quen, cando non hai tráfico nin perigo ningún, non cruzou un paso de peóns estando a luz do semáforo vermella? Agora mesmo non lembro ningún caso concreto, mais estou convencido de que algunha vez debín atravesar nesa circunstancia. Vexo facelo todos os días e, en verdade, moléstame profundamente. Quen actúa así por costume pode facer calquera cousa.
Á xente que ten esa visión do cumprimento das obrigas, desde as máis nimias ata as máis importantes, que se vele porque todo o mundo respecte a legalidade, parécelle, obviamente, o natural, o normal. Mais o que xa non lle resulta tan comprensible, como me sucede a min, é que haxa quen ande esixindo en función dos casos. Iso de querer agora controlar e fiscalizar ao milímetro determinados gastos cando se levan anos e anos, aquí e acolá, mirando para outro lado resulta cando menos curioso. Non cren que, se se tivese actuado con esta meticulosidade que se pretende, a inmensa maioría -por non dicir absolutamente todos- dos casos de corrupción, que desviaron fondos de todo tipo para beneficios persoais, de amigos, de amiguetes, de organizacións... non se terían producido?  Estou convencido de que si. Xa que logo, por que non se fixo? Vai resultar agora que o diñeiro que pretende destinar o goberno catalán á compra de determinados materiais é dunha contía superior á que institucións de todo tipo teñen destinado á adquisición de cousas absolutamente innecesarias? Mesmo sen haber mordida, que esa sería outra. Por que non se fiscalizaron eses milleiros e milleiros de cartos despilfarrados? Será porque non interesaba?
A min, sinceramente, non me preocupa maiormente que se invistan diñeiros en urnas, van quedar para próximas eleccións. Como tampouco me quita o sono que os cataláns poidan votar e, inclusive, independizarse. Máxime se, como andan aireando, nos custan porradas de millóns. Que manifesten, pois, se queren marchar. 
As últimas enquisas parece que indican que a maioría quere ficar. Xoguemos limpo.
 

Legalidades e gastos

Te puede interesar