Boa noticia

Finalmente, o goberno da Xunta decidiu convocar oposicións para profesores de secundaria, formación profesional, primaria e música e artes escénicas, en total un chisquiño máis de mil prazas. O señor conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria manifestou o seu compromiso de continuar con este camiño de ir, como mínimo, ao cen por cen da taxa de reposición, para reducir de xeito significativo as porcentaxes de profesorado interino. 
Algo novidoso e fundamental que, sen dúbida, vai redundar na mellora da calidade do ensino que, ao meu entender, viña baixando de modo apreciable desde que alguén tivo a brillante idea de que había que suprimir prazas de funcionarios docentes. E dos outros, que ven sendo o mesmo conto. Todo para os negocios dos amigos e o mínimo para o ben común. 
Sempre estiven disposto a demostrar a quen fose e onde fixese falta que en España –xa non digamos en Galicia, onde o ensino privado de cualidade brilla pola súa ausencia– o ensino público, ademais de ser o único verdadeiramente xusto e equitativo, en liñas xerais, é o mellor. E cando falo de ensino público refírome ao que depende exclusivamente da administración educativa. É ese ensino o que defendo como o mellor. Non, por suposto, o concertado, que hai quen se empeña en equiparalos en sospeitosas manobras de confusión. 
O público é público, é de todos, e o concertado é privado, é de particulares –nomeadamente da igrexa– que, para obter maiores beneficios, asinan convenios coas institucións do Estado. E o ensino público debe estar en mans de funcionarios públicos que, previamente, tiveron que demostrar as súas capacidades en probas controladas polas autoridades educativas e en dura competencia con outros titulados. A superación das oposicións é un claro aval de cualificación profesional. O ensino público pode sentirse, xa que logo, fachendoso de contar con bos e contrastados profesionais. Isto non quere dicir que non haxa –que os hai, coñezo algúns excelentes– bos profesionais na privada, mais, cando menos a priori, que queren que lles diga? Os que traballamos sabemos de canto mellor se traballa cando non se está permanentemente coa dúbida de poder quedar na rúa. Que os traballadores docentes poidan de novo acceder a esas prazas que lles permitan traballar sen preocupacións é unha boa noticia

Boa noticia

Te puede interesar