Imprecisións

Préstame máis que ben o cafeíño que adoito tomar despois do xantar mentres vexo o programa concurso Saber y Ganar, costume da que xa teño falado algunha vez neste noso Diario. Sempre dá para reflexionar. Anteantonte apareceu unha pregunta sobre que ditador comunista chegara a prohibir o uso da barba. E daban a escoller entre Ceaucescu e Hoxha. O autor deste despropósito, “por razóns hixiénicas”, foi, como sabemos o xefe do estado albanés Even Hoxha. Logo veu unha pregunta acerca de quen era o rei -Felipe V, Fernando VI ou Carlos III- ao que a súa dona, Isabel Farnesio, lle contratara Farinelli para tentar aliviarlle a esquizofrenia, “depresión melancólica”. Sabido é que o afamado castrato italiano non volveu cantar en público. Dedicou a súa voz a cantarlle todas as noites –máis de tres mil– a Felipe V, ata que o monarca absoluto faleceu. As historias son esas, mais chamoume a atención o diferente tratamento dado aos personaxes. Se os dicionarios ao uso definen ditador como soberano ou persoa que se arroga ou recibe o dereito a gobernar con poderes absolutos por que a Hoxha se lle di ditador e a Felipe V, que tamén o era, rei a secas?

Imprecisións

Te puede interesar