Fermosa capela

Aínda que estivera varias veces en Vila do Conde –a primeira hai xa un lote de anos, máis de corenta, con certeza– ata hai pouco non descubrira a fermosa capela da Nosa Señora do Socorro. Reparei nela mentres paseaba pola ribeira da fouce do río Ave. Estaba contemplando un inmenso reloxo de sol –por certo, non conseguín dar co aquel do seu funcionamento– cando reparei nunha cúpula branca, caleada, no tope dun pequeno macizo rochoso que hai ao carón do artefacto que din que permite saber a hora. 
Lembroume esas cúpulas azuis das capelas gregas das que tanto gusto. Preguntei como chegar e para aló fun. Por unhas estreitas rúas entre pequenas casas, que son, ou foron, de pescadores cheguei de camiño. No muro que terma dela, á esquerda da escaleira de acceso, reparei nunha placa granítica na que están gravados estes catro versos “E o sol desmaia na cal / Da capela a branquejar / Da Señora do Socorro / Onde sonhei me ir casar” do poeta vilacondense José Régio (1901-1969). Pertencen ao seu longo poema “Romance de Vila do Conde”, que recolleu no seu libro Fado (1941). 
Subín os poucos chanzos e descubrín unha auténtica fermosura de edificio relixioso chamado capela do Socorro. Curiosamente, nacín xusto ao carón da igrexa do Socorro, na casa contigua, que era a casa parroquial e que meu avó, que era pescador, lle tiña alugada ao párroco, que non facía uso dela. A construción actual non é a mesma. A coincidencia fíxome ilusión, malia que os edificios nada teñan que ver entre si, xa desde o tamaño. 
A capeliña portuguesa, cunha grande cúpula sobre base cadrada, segundo se pode ler na inscrición do portal, “é fundação de Gaspar Manoel, Cavalleiro professo da Ordem de Christo, Piloto-mór da carreira da Índia, China e Japão, e de sua mulher Barbara Ferreira d’Almeida, no anno de 1603”. 
Esta circunstancia de residir en oriente fixo que o piloto maior quixese construír un templo que tivese semellanzas coa arquitectura dos templos orientais, coas pagodes. Se o exterior é moi atractivo, o interior non o é menos. 
No chan está a campa brasonada do piloto e da muller e as paredes están recubertas de bonitos e rechamantes azulexos do século XVIII, xa que logo, posteriores á morte dos construtores. O mesmo que o retablo, de estilo rococó. A talla da Virxe co neno e unha áncora tamén é rococó e é moi venerada polos pescadores da zona.
Se lles cadra pasar por Vila do Conde, cidade, por certo, irmandada con Ferrol, non deben perder botarlle un ollo a esa preciosidade e á vista que desde alí se contempla. Agradeceranme o consello
 

Fermosa capela

Te puede interesar