Facendas

nestes días pasados acabou o prazo de presentar a declaración da renda. Habería que prestarlle atención a como está evoluíndo o número de declaracións presentadas, dato de importancia non menor á hora de valorar a verdadeira situación económica dos traballadores. Se non estou trabucado, creo que no presente ano as persoas que non superaron os 22.000 euros de rendementos de traballo persoal non estaban obrigados a presentar a declaración.
Mais iso non significa, en absoluto, que os que traballaron –de xeito legal, non en negro– e non se vexan obrigados a presentar esa documentación quedaran exentos de tributar por ese concepto. Quérese dicir que xa foron pagando o que lles correspondía abonar cada mes coas correspondentes retencións.
E digo isto, que semella unha obviedade, porque teño escoitado moitas veces dicir que eses non pagan. Pagan, pagan, e se cadra proporcionalmente máis que outros que teñen que presentar a declaración. Sabido é que o imposto sobre a renda é o xeito de tributación máis xusto que hai, xa que atende á situación de cada cal e, a priori, paga máis o que máis gaña, como entendo que debe ser. Hai progresividade, é certo, máis creo que superados uns niveis de ingresos -ao meu entender bastante baixos- as cantidades que os superen cotizan á mesma porcentaxe. Para que o sistema de tributación directa fose realmente xusto todas as cantidades ingresadas deberían ter incrementos porcentuais ata o último euro. Hai cantidades de ingresos inxentes que cotizan moi por baixo do que deberían cotizar. Xa se paga moito, escoitamos dicir. E é verdade, se nolo aplicamos a nós, aos que non somos ricos. Pero Cristiano Ronaldo, que quere irse embora, ou altos directivos de grandes multinacionais... ingresan moitos diñeiros polos que, en xustiza, cotizan pouco. Aí é onde habería que introducir reformas e non en lanzar aos catro ventos frases que poden soar a moi de xustiza social cando o que en realidade agachan é todo o contrario. Cando escoitamos falar de baixada de impostos a PP, a Ciudadanos ou a outros grupos da dereita de verdade o que nos están dicindo é que hai que reducir as porcentaxes de cotización no IRPF, isto é favorecer a quen máis gaña. Se de verdade quixeran baixar impostos que beneficiasen ao conxunto da poboación terían que falar de baixar o IVE, que tamén, como o seu nome indica é un imposto. Só que neste caso inxusto, porque é indirecto e, en consecuencia, afecta a todo o mundo por igual, independentemente do nivel de renda de cadaquén. 
Mais diso non se fala, porque iso non favorece, non beneficia aos amigos ou amigas de turno nas que se está pensando cando se abre ben a boca para dicir que van baixar os impostos. Non nos deixemos enganar. A política tributaria do PP é inxusta e a que lle propón Ciudadanos máis ainda.
 

Facendas

Te puede interesar