Excesos de control

Hai algo máis dunha década estreouse por estes nosos lares La vida de los otros (2007), o espléndido e moi merecidamente galardoado (o César, o David de Donatello, o Oscar...) filme de Florian Henckel von Donnersmarck. Como lembrarán, céntranse nas escoitas clandestinas do que acontecía no apartamento dunha parella de certo relevo na vida cultural do Berlín Este por parte dun capitán da policía secreta da República Democrática Alemá. 
O obxectivo da Stasi era ese: saber de todo. Unha historia, soberbiamente narrada, do máis atraínte, ao tempo que metía medo, baseada en feitos reais ocorridos non había tanto tempo. Tanto era así que o propio actor protagonista, Ulrich Mühe, o que dá vida ao policía, fora espiado pola Stasi. Recordo que a xente saía do cine temerosa e algunha dela procuraba tranquilizarse na crenza de que eran cousas da desaparecida Alemaña comunista ou doutros rexímenes similares. Que historias así por aquí non pasaban, que como ía permitilas un sistema democrático tan soberbio como tiñamos. Xa, xa, o que saberán de nós eses gobernos!
O excelso filme alemán, que recomendo vivamente ver a quen non o teña feito, venme sempre á cabeza cando aparece calquera noticia relacionada coa seguridade. Por suposto que a seguridade é necesaria, mais o que non pode acontecer é que en nome de supostas medidas de seguridade se poidan recortar, subrepticiamente calquera tipo de liberdades que custaron moito sangue, suor e lágrimas conquistar.
Desde hai algún tempo estase debatendo na Comisión Europea o regulamento de protección de datos móbiles por entenderse –xa que o demostran sentencias do Tribunal de Xustiza da UE– que a actual directiva comunitaria vulnera aspectos da Carta de Dereitos Fundamentais, relacionados co dereito ao respecto da vida privada, do domicilio, das comunicacións.... Parece que o novo regulamento de protección de datos vai fixar en tres meses o tempo máximo de almacenamento de datos móbiles, tempo que, mesmo, podería parecer excesivo.Ao parecer a detención do asasino de Diana Quer tería sido inviable de estar en vigor ese novo regulamento europeo. É posible que así sexa. Mais é tamén posible que non. Se non se tivese producido agora, podería telo sido noutro momento. En casos complicados entran en xogo moitos factores nos que o da sorte ou o da casualidade adoitan ter bastante que dicir. Con medidas de control ou sen elas.
En todo caso o que parece claro é que hai que ter sempre presente que o fin nunca debe xustificar os medios.
 

Excesos de control

Te puede interesar