Estado de Dereito

Esta disposición dentro de las que viene dictando el Gobierno para el perfeccionamiento del estado de Derecho en España y desarrollo de los Principios del Movimiento y el Fuero de los Españoles, viene a modificar una serie de disposiciones relativas a la jurisdicción penal lo mismo en materia de disposiciones de fondo que en disposiciones de procedimiento”. Este texto, tomado do diario El Pueblo Gallego, do día 5 de maio de 1963, é parte da información do acontecido no Consello de Ministros transmitida aos medios de comunicación polo daquela ministro de Información e Turismo Manuel Fraga Iribarne. Esa disposición “tendente a perfeccionar el estado de Derecho” non era outra que a da creación do Xulgado e Tribunal de Orde Pública, o que sería célebre TOP. Aínda que é máis que sabido, se cadra non está de máis recordar que Fraga Iribarne foi catedrático de Dereito. Gañara primeiro a Cátedra de Dereito Político e uns anos despois a de Teoría do Estado e Dereito Constitucional da Universidade Complutense de Madrid. Xa que logo, dada esa súa condición e os seus coñecementos derivados dela, está claro que sabía perfectamente o que era un Estado de dereito e que entendía que o Estado que tiña por Xefe a Franco e no que el era ministro o era. Para Fraga Iribarne o Estado español, o Estado franquista de 1963, era un Estado de dereito. Digo isto canso de escoitar aos nosos dirixentes políticos levar e traer o Estado de dereito de aquí para aló como se o seu simple nome fose a panacea universal. Menuda panacea aquela España de Franco, á que un catedrático de Teoría do Estado cualificaba con rotundidade de Estado de dereito. Aínda que era, non obstante, unha cruel ditadura. Unha cruel ditadura que escasas dúas semanas antes, o 20 de abril, acababa de fusilar Julián Grimau, dando cumprimento á sentencia de pena de morte ditada por un tribunal militar e confirmada pola autoridade xudicial competente dous días antes. O fundador do PP, por certo, votara a favor da execución no pertinente Consello de Ministros e, como ministro do ramo da información que era, defendeu onde fixo falta a correcta actuación dos Tribunais e do Goberno. Obviamente, de acordo co Estado de dereito. Á marxe de todas as curiosidades que rodearon o caso, Grimau foi xulgado, condenado e executado por estar “acusado de crímenes y otros hechos delictivos cometidos durante la guerra de liberación”, isto é, uns supostos feitos acontecidos bastantes anos antes. 

Estado de Dereito

Te puede interesar