DOUTOR ARAGUAS

Na mañá de onte tiven o pracer de asistir na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña á defensa da tese de doutoramento do licenciado Vicente María Araguas Álvarez, a quen me une grande amizade desde o ano académico 1956-1957, cursado no Colexio “Jesús Maestro” das Discípulas de Jesús. O obxecto de estudo foi o mundo poético de Bob Dylan, traballo do máis interesante polo alí visto e escoitado. Sobresaliente por unanimidade do docto e moi cualificado (dou fe de que así é) tribunal. E tamén podo dar fe, porque confeso que o vivín, de que esta investigación, como tese de licenciatura, se iniciou na Compostela de hai corenta anos cumpridos. Se ben o gusto e interese por Bob Dylan xa viña duns cantos anos antes. Lembro perfectamente as audicións de “Mr. Tambourine Man” ou de “Blowin’ In The Wind” –esta nas voces de Peter, Paul and Mary–. Ano 1966, probablemente. Porque son das persoas que se alegran dos éxitos dos amigos, como para facelos mesmamente meus, debo dicir que vivín un feliz e inesquecible 27 de novembro.

 

DOUTOR ARAGUAS

Te puede interesar