Desacordo

Hai tres días lin no diario electrónico El Nacional.cat, editado en catalán e en español, a noticia de que o rei emérito Juan Carlos I, no transcurso dunha conversa privada en Valencia, manifestara: “Todo lo que está pasando a Catalunya es culpa de estos del PP”. O curioso é que na conversa, entre outra xente, estaban o presidente Ximo Puig e  García-Margallo, o anterior ministro de exteriores do goberno de Mariano Rajoy. Informa o xornal que tirou a noticia da edición en papel do diario El Mundo, que a publicaba nun lugar non moi visible na fin de semana. Tan camuflada debe estar que eu nin a vin, cando o domingo folleei ese rotativo nun bar mentres tomaba café. El Nacional.cat –entendo que El Mundo tampouco– non aporta maior información nin sobre o contexto en que o rei emérito pronunciou esa frase nin sobre se o exministro do PP ficou calado, asentiu ou mostrou conformidade. Que algo, penso eu, faría. En calquera caso, polo que lin, non podo compartir a suposición que fai o diario catalán -e non sei se tamén El Mundo- do desacordo do rei emérito co aliñamento de Felipe VI co goberno do PP na xestión do tema catalán. Paréceme, si, un desacordo coa política seguida polo PP.

Desacordo

Te puede interesar