Censuras

Levo pensando toda a vida que os cambios de aires son moi importantes para a saúde mental das persoas e cada día que pasa convénzome máis -se for posible- de que isto debe ser así, cando menos para min, para as miñas neuronas. Afortalei a idea hai xa uns cantos anos, cando en 1989 tiven a fortuna e o pracer de poder botar catro meses en Montevideo como profesor da Facultade de Letras e Ciencias da Universidade da República Oriental del Uruguay, que esa é a denominación oficial. Volvín feliz daquela experiencia nun mundo en tantas cousas diferente do noso. Marcoume profundamente aquela cidade. Tanto foi así, que comecei a barallar a posibilidade de, cando me chegase a hora da xubilación, instalarme medio ano no hemisferio sur e outro medio no norte, instalado nun tempo sen a friaxe dos invernos. O meu bo amigo e tocaio José-Maria Monterroso hai xa un tempo que tomou esta decisión e pasa a vida entre as dúas beiras do Atlántico.
 Eu, por razóns de peso, nun puiden cumprir ese soño, mais non me doe porque tamén estou moi a gusto só por estas beiras. Sempre procurando mudar de aires o que se poida, iso si. Hai poucos días que voltei á casa, despois de tres meses de residencia en Braga. Resultoume gratificante vivir o día a día dese Portugal que, por fortuna para o pobo portugués, xa non está sumido na incuria ao que foi sometido por tantos anos de cavaquismo –Cavaco Silva estivo 21 anos, nada menos!, case a metade dos anos após 25 de abril, nos cumios do poder–, das políticas das direitas portuguesas, algo do que por aquí seguimos sabendo de que vai. 
Como quería vivir cento por cento portugués, en ningún momento me preocupei de ler ou escoitar noticias galegas ou españolas. De volta, púxenme a follear os xornais e entre outras novidades atopei a posibilidade de que o PP poida volver gobernar en Fene mediante unha moción de censura que podería contar co apoio dalgúne concelleiro do PSOE e mais os dous concelleiros de En Marea, presentados baixo a etiqueta de Somos Fene. Polo último que veño de ler, parece ser que estes dous militantes din que só se presentaron baixo ese nome sen formar parte dun colectivo de maior ámbito ideolóxico e territorial. 
A verdade é que eu sempre pensei que, como as outras persoas coas que compartiron candidatura, eran militantes ou simpatizantes de Cerna, organización política que forma parte de En Marea. Polo que entendo, aí vai estar a clave do asunto. Se pertencen á organización e esta non os apoia e os expulsa -como parece que xa fixo- a moción de censura non tería maior percorrido. Se iso non for posible, como din os dous concelleiros, aló eles con esa súa decisión tan edificante. En calquera caso, isto é o que traen as participacións políticas pouco meditadas e aseguradas. 

Censuras

Te puede interesar