ANOS E DÍAS

Quixo a fortuna que no ano 1989 me aparecese a oportunidade de ir impartir un curso de literatura á Universidade da República Oriental do Uruguai, que talmente así é o nome do país e da súa Universidade. O Uruguai é un río. Un grande río que nace no Brasil e desemboca no Río da Prata, formando, con outros grandes ríos, a conca do Prata. Os seus últimos quilómetros –nada menos que cincocentos, aproximadamente–, van marcar a fronteira natural entre Arxentina e a República Oriental, que ocupa os territorios do leste, entre o río e o mar. Por todo isto, nos pasaportes, cando menos nos desa altura, no epígrafe relativo á nacionalidade poñía oriental, e non “uruguayo” como podíamos esperar. Agora, aínda que non hai moito que por aló andei,  descoñezo se segue aparecendo o termo así ou xa non, porque hai tempo que non vexo ningún documento dese tipo. “–Aínda que non me vexas trazos de chino ou de xaponés, son oriental; aquí o di”, téñenme comentado con risos perante o que para min era totalmente descoñecido. E non foron poucas as descubertas nos catro moi gratos meses que alí pasei hai vintecinco anos. De feito tal día como hoxe do ano 89 por alí andaba, gozando dunha cálurosa e soleada primavera e co curso achegándose ó seu remate. Tamén agardando con ilusionada esperanza os resultados das eleccións que terían lugar tres días despois. E abofé que foi día glorioso, noite de celebración rachada, pois por vez primeira na historia rompíase o tradicional dominio dos partidos Blanco e, sobre todo, Colorado. O Frente Amplio conseguía facerse coa intendencia de Montevideo, lugar de residencia de  practicamente a metade da poboación do país. Xa en 2004, a Frente conseguiría tamén a presidencia, mais iso xa non vai con esta historia.

Cando levaba pouco tempo, quince ou vinte días, non máis, unha das primeiras persoas que coñecín, véndome só e pensando que podería aburrirme –algo que nunca me aconteceu– preguntoume se quería ir ó cumpreanos dunha sobriña súa. Con certo corte, díxenlle que si e ós dous días aló me vexo, no medio de máis dun cento de persoas elegantemente vestidas, sentado nunha longuísima mesa dun local especialmente alugado para o que para min, pobre ignorante, non ía ser máis que unha celebración familiar e cuns poucos amigos. Como era inverno, por pura casualidade, ocorréuseme vestir –iso si con vaqueiros lavados, a moda no momento– chaqueta americana e unha moi fina camisa, en troques do habitual xersei con cazadora vaqueira. E acertei de cheo na escolla da indumentaria, xa que aquilo era unha auténtica voda. Un cumpreanos de quince, festa que, ó que parece, ten a súa orixe nas celebracións con comida e danza que organizaban as tribos indíxenas americanas cando as rapazas menstruaban por vez primeira e xa estaban preparadas para casar e ter fillos. As festas das rapazas de quince de hoxe veñen ser un recoñecemento da súa chegada á madurez. No Uruguai as “quince añeras” visten como auténticas princesas e bailan vals co pai, o mozo ou o que for e algún familiar ou amigo. Adoita escoitarse tamén a canción “Quince primaveras” do coñecido cantante mexicano Vicente Fernández: “Será tal vez tu día mas deseado,/una ilusión el sueño mas amado,/te sentirás una mujer y ahora eres niña /y en este día vivirás deprisa./estrenaras tu juventud por eso/te temblarás al presentir un beso,/y bailarás con ese chico que te mira,/y empezarás a descubrir la vida...”. Sen comentarios. E veña comida, música e festa ata as tantas da noite. Tal é o dispendio que non poucas familias teñen que solicitar créditos para lle facer fronte. Así mesmo, sen comentarios. E eu por alí de despistado, sen nin sequera ter feito un regalo. Naturalmente que o merquei e entreguei a día pasado, pedindo disculpas polo meu descoñecemento da historia. Todo un descubrimento onde, ademais, o pasei moi ben.

Aquí, diría afortunamente, non temos cousas destas, e menos aínda para rapaces, que aló tampouco. Dígoo porque hoxe mesmo, meu querido neto Iago-Duarte cumpre quince anos e para el, especialmente, quixen contar estas cousas. Quince anos, toda unha pequena vida.

ANOS E DÍAS

Te puede interesar