• Martes, 26 de Septiembre de 2017

Antonte á tardiña, nesa hora en que a tibieza do calor solar convida a un demorado paseo, andaba ruando por Paris sen destino concreto.

Antonte á tardiña, nesa hora en que a tibieza do calor solar convida a un demorado paseo, andaba ruando por Paris sen destino concreto. O camiñar levoume á praza da República, unha desas fermosas e inmensas prazas que se poden desfrutar na capital francesa. E todas con trafico rodado, o que as, na miña opinión, as fai máis humanas. Estou convencido de que sen o tránsito de toda clase de vehículos terían un aspecto máis frío. Achegueime ao centro da praza para contemplar de preto o grande monumento dedicado, como non, á República. Unha broncínea Marianne,  co seu gorro frixio, que porta na man dereita un ramo de oliveira, símbolo da paz, e na esquerda unha táboa cos dereitos humanos, érguese maxestosa sobre unha columna de pedra cilíndrica, con tres esculturas encostadas que simbolizan os valores do lema da Revolución: a liberdade, a igualdade e a fraternidade. Mentres observaba o monumento, reparei nun non moi numeroso grupo de xente, moita dela coa súa bicicleta, que escoitaba alguén que falaba por un altofalante. Achegueime e, case ao momento, unha señora entregoume un dos folios que, como outras persoas, andaba repartindo aos presentes. 
Ao tempo que escoitaba os oradores, púxenme a lelo e vin que levaba o anagrama do Front Social e ao seu carón, en grandes letras maiúsculas, declaraba: “Macron quere destruír os nosos dereitos sociais!” e que, xusto debaixo, en letras brancas sobre fondo negro, convocaba á mobilización xeral a partir do 12 de setembro. A continuación enumeraba a destrución dos dereitos dos traballadores que, por medio de leis, pretende levar adiante o novo presidente. Para a Front Social, que iniciou a súa loita reivindicativa, precisamente alí, na Praza da República, o 8 de maio -ao día seguinte da súa elección, para demostrarlle a Macron que ía combater os seus proxectos de regresión social-, a idea deste é remodelar a sociedade para dar todo o poder a unha minoría de privilexiados. Algo do que xa temos experiencias por estes pagos. E os franceses, como moitos de nós, non queren que iso siga acontecendo. Mais, das mobilizacións noutros países, se non son moi sonadas, nada se nos di.