ACENTOS

Hai un lote de anos –preto de corenta, ou por aí–, cando o fútbol sala estaba empezando a facerse un deporte máis ou menos popular en España, en Ferrol tivemos a sorte de poder ver un excelente equipo que chegou a conseguir logros importantes a nivel do Estado: o Xalledín, formado por un grupo de amigos, ferroláns todos, se a memoria non falla, entre os que especialmente lembro, como máis destacados, os irmáns Amado. Daquela, A Coruña tamén tiña un equipo potente: o Chaston, patrocinado pola discoteca do mesmo nome, se ben aquí xa había certo profesionalismo, mesmo algún xogador estranxeiro. Destacaba un moi habilidoso brasileiro de nome Denís, ó que todo o mundo se empeñaba en chamar Dénis, maneira de dicir, que el, sen dúbida abafado pola persistencia dos coruñeses, non se debía empeñar en corrixir. Aquí será así, pensaría. Cruceime con el hai pouco pola capital provincial e vino con bo aspecto; iso si, cos anos enriba que levamos todos. A cuestión é tan simple como a de colocar un til aquí ou alí. Entre nós é moi común que ós José, ademais de Pepe ou similares, se lles chame Jose. Cando o vemos escrito, pronunciarémolo dun ou doutro xeito en función de se leva ou non acento. Se atendemos ás regras de acentuación do galego, ou do español, se vemos escrito Denis, pronunciaremos da mesma maneira que se levase un til no é: Dénis. E se quixésemos pronunciar de xeito agudo, teriamos que acentuar graficamente o i: Denís. Que acontece? Que o xogador que foi do Chaston é, como xa quedou dito, brasileiro e as normas de acentuación do portugués marcan a tonicidade ó revés ca nós: ténis é tenis e Denis é Denís. Naquela altura ata podería parecer lóxico ese distanciamento entre linguas xeograficamente tan próximas. A consideración de Portugal e dos portugueses era ínfima, de terceiro mundo para abaixo, malia que eles acabaran coa ditadura e o noso ditador morrera na cama. Mais a situación tampouco mudou tanto en tanto tempo.
Xoves pasado estiven a ver na televisión o partido da Europa League que enfrontaba o Sevilla co Zenit de San Petersburgo. Como é sabido, no conxunto andaluz xoga, cedido polo Barcelona, Denis (ou Denís?) Suárez, un magnífico e xove xogador, procedente da canteira do Celta, que no seu día, sendo un cativo, xa fora fichado polo Manchester City. Os comentaristas televisivos referíanse a el como Denis e entroume a dúbida de se así sería, pois, como é galego e esas cousas... O que non recordo ter escoitado é como se refiren ó xogador ruso do Vilarreal, cedido polo Real Madrid, Chéryshev, de nome tamén Denís, mais este escrito con acento gráfico no í. Denís, non é outra cousa que Dionisio, nome de evidente orixe grega mais chegado a nós en forma popular procedente de Francia. Nos arredores de París, por exemplo, pódese contemplar a basílica-catedral de Saint-Denis (agudo, mais tamén sen tilde), con moita sona por ser a primeira erixida en estilo gótico. Na cultura galego-portuguesa medieval atopamos entre os máis senlleiros cultivadores da poesía cancioneiril a Dom Denis, “pella graça de Deus, Rei de Purtugal e do Algarue”, neto doutro feitor de cantigas, tanto profanas como relixiosas: Alfonso X, o Sabio. Nunca escoitei ninguén referirse a el como Dom ou Don Dénis. O estudo da literatura medieval conservada nos cancioneiros galego-portugueses figura desde hai ben anos nos programas educativos, cando menos desde a ESO. Mais o nome do que foi rei de Portugal nas dúas últimas décadas do s. XIII e o primeiro cuarto do XIV non debe quedar moi gravado no estudantado. Caso contrario non habería Dénis ningún. As mulleres, cando menos de momento, sálvanse desde deslocamento acentual. Alguén coñece algunha Dénise?

 

ACENTOS

Te puede interesar