• Sábado, 24 de Febrero de 2018

FM.  Un dial calquera.  Melodía que se perde entre as paredes.

FM.  Un dial calquera.  Melodía que se perde entre as paredes. Fóra, zoa o vento. Con forza. Brama o vendaval na Mariña.  Abala os buxos  que, sen acougo, me ocultan o Masma na súa entrega ao Cantábrico (na minguante terei de podalos. Deste ano non pasa).  Procuro un outro calquera dial... Alén da cristaleira o vendaval rompe na barra entre o salseiro, brincadeira de ondas que se reflicten na noite. Vendaval que dobrega  eucaliptos e  lamigueiros da Arnela. Vendaval  que tira da memoria  palabras deitadas na parede da Praza do 8 de marzo no Ribadeo do meu amigo  Pedro Rivas: “que eu non son daquelas que cantan ás flores e ás pombas,  das que se resignan ante o desamor. Non! Eu son Medea!”. Vendaval.  Poesía que nos transcende  en muros e paredes...
E o vento  reméxese entre as lousas e renxen as trabes da casa. Laídos que procuran quen os escoite. Power... FM. Un dial calquera. Alalá na Mariña.