A transgresión da máscara

Entroido é tempo de divertimento e celebración pública nese período que, no calendario regulado polos ciclos da liturxia cristiá, precede e introduce á época de austeridade e de penitencia que coñecemos por Coresma. Palabra, polo tanto, moito máis acaída á tradición antropolóxica galega no canto da colonizadora “carnaval”, procedente do italiano carnevale que a súa vez está ancorada na latina carne-levare; e dicir, abandonar a carne, situación de obrigado cumprimento no mandato ecuménico para os venres seguintes que moi ben describe a cantiga popular: “Adeus martes de entroido / adeus, meu amiguiño,/ ata o domingo de pascua / no comerei máis touciño.”
Certo é que isto da carne en venres de coresma xa non se leva co rigor de antano. Porén, no ADN da identidade galaica a celebración do Entroido é, tamén, parte esencial do ciclo agrario e, polo tanto, suma festa e foliada coa mantenta do mundo rural. Non se entendería a traxectoria histórica desta conmemoración anual sen a referencia á cociña propia; á cacheirada ou cachucha no aproveito íntegro da cabeza de porco; ao lacón, con ou sen grelos; aos chourizos nas súas variantes puras ou tomando corpo de androlla; e, para simplificar, no cocido “con todos os sacramentos”, botelo incluído onde é propio. Para sobremesa: filloas, orellas e bandullo. Mito galego: “Domingo de Entroido carallán, comícheme a carne, deixáchesme o pan”.  Así é.
Da mesa á rúa, á praza pública ou á corredoira. Mostrar a capacidade de aguante á hora de vivir intensamente o reto festivo que rí ti dos deportes extremos. Domingos fareleiro, oleiro, corredoiro, de Entroido e piñata; xoves de compadres e comadres; martes de Entroido e mércores de cinsa co punto aparte do enterro da sardiña e outras variantes locais que practicamente abarcan todo o catálogo das especies mariñas,  da terra, do aire e do imaxinario colectivo ou persoeiros de seu.
Mutación na  imaxe persoal, con ou sen máscara. A cara descuberta, no conxunto colorido de grupo das damas e galáns, dos xenerais da Ulla, das madamitas e madamitos entre outros. Detrás da máscara dos cigarróns, peliqueiros, felos, boteiros, vergalleiros, murrieiros, troteiros, vellarróns; e das pantallas, bonitas e charrúas, nunha longa nómina de rótulos distintivos das diferentes formas que adoptan no ámbito interior do País. Rico patrimonio cultural inmaterial.
Velaí o auténtico, por máis que para o espectador que asista despistado a esta efeméride poda supoñer levar un pequeno golpe coa fusta, vara ou vergallo; e mesmo recibir unha chuvieira de fariña enriquecida con formigas doentes. É o poder transgresor da máscara.  

A transgresión da máscara

Te puede interesar