Traballar de balde

Abrese un necesario debate social coa manifestación pública dese afamado cociñeiro, lanzado á sona popular grazas ao efecto dun coñecido espazo de televisión, evidenciando con crueza a realidade dunha situación laboral que se ten estendido abusivamente: Á dos estudantes en prácticas que realizan unha tarefa de balde.
E dicir, que fan un traballo polo que non reciben salario algún; malia ser en moitos casos un labor que, para alén do cativo papel formativo, é un evidente caso de traballo irregular e soterrado, polo que tampouco se cotiza á Seguridade Social.
Traballar de balde é, en moitos dos casos, traballar en balde porque a aprendizaxe non vai parella ao esforzo en horas que esixen os empresarios nun ambiente de clima laboral nada axeitado para a experiencia real que en boa lóxica tocaría recibir.
Este panorama de moderna escravitude no mundo do traballo é consecuencia do ordenamento laboral pensado dende o interese do ámbito dos negocios que logran deste xeito un complemento de recursos humanos, a custo cero, para minimizar os seus gastos e, por ese camiño, mellorar o beneficio empresarial.
A parte educativa que representa a experiencia real nos centros de traballo, resultando aceptábel na súa formulación teórica e didáctica, precisa dunha máis eficiente actuación da Inspección de Traballo e dos responsables do seu seguimento académico para que non faciliten as situacións que agora se mostran diante da opinión pública sen disfrace algún.
É un outro aspecto que marca a situación da mocidade; ben descrita por un antigo director de prensa, asegurando que “os mozos son, con moito, os que máis sufriron durante estes anos os estragos da crise: o paro, a situación de precariedade, o apartheid salarial, a emigración para sobrevivir ou, no menos malo dos casos, para poder aplicar os coñecementos adquiridos”; inxusta situación na carga dos custo da crise que lles quebrou as súas expectativas de futuro.
Unha radiografía que se agrandada ao constatar que preto á cuarta parte dos xoves forman parte dese indesexábel club dos que nin estudan nin traballan, por falta de oportunidade e alternativa. Niso, o Estado español é sobranceiro dentro do grupo da liga de campións na OCDE. Mágoa diso.
Desta volta xeracional non vai cumprirse o mandado que pide deixar aos nosos fillos unha situación mellor que a herdada polos pais. A decisión do marido da raíña inglesa, xubilándose aos 96 anos, vai marcar tendencia inevitábel.

Traballar de balde

Te puede interesar