Tempo de memoria

Se crime de lesa humanidade, tal como di o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional, é todo aquel acto tipificado como asasinato, tortura, violación, privación grave da liberdade física, a desaparición forzada de persoas, diversos tipos de delitos sexuais como parte do terror, outros diferentes feitos criminais que atenten gravemente contra a integridade física ou a saúde mental cando se cometa como parte dun ataque sistemático contra unha poboación civil, persecución dun grupo con identidade propia fundada en motivos políticos, e aínda varios casos máis; a represión franquista no territorio galego é, á par de xenocidio indiscutíbel, un crime contra a humanidade.
Nun ámbito xeográfico que non tivo batallas de guerra, as mortes causadas por sentenza en xuízo carente de toda lexitimidade; e moito máis as eufemisticamente chamadas extraxudiciais que ateigaron de cadáveres as “cunetas” das estradas do País, pola súa cantidade, procedementos de seleccións e crueldade no terror da carnicería son absolutamente homologables ás xulgadas en procesos internacionais similares ao de Núremberg. A diferenza é que aquí alongouse. Primeiro a represión pasando logo a un estado de medo e máis tarde co silencio programado para agochar o exterminio feito. Nos corenta anos do réxime totalitario e nos tempo de continuidade con ese proceso que coñecemos por Transición.  Porén, a lembranza sobreviviu ao esquecemento.
Memoria democrática teimosa e férrea que clama pola restauración da verdade, da xustiza, da reparación moral e pola garantía de non repetición. Poñer fin de vez a unha anomalía histórica que persiste malia proclama institucional que, con forma de lei, comprometeu “recoñecer e ampliar dereitos a favor das persoas que padeceron persecución ou violencia, por razóns políticas, ideolóxicas durante a Guerra Civil e a Ditadura franquista; e promover a súa recuperación moral, persoal e familiar”.  Mandato, mesmo ampliado noutras normas autonómicas, que non é correspondido desde a responsabilidade institucional que debe velar polo dereito das vítimas. Non debe estrañar que nun informe da ONU se teña criticada a crueldade do trato ás vítimas.  Considerando que o Goberno ten derrogada, de facto, a Lei de Memoria, pouca confianza ofrece a carreira xudicial das querelas que a Rede de cidades pola Xustiza e a Memoria anuncia; moito máis se botamos unha ollada ao pasado próximo coa sorte das tramitadas polo xuíz Garzón ou á vista do resultado da batalla arxentina pola Xustiza e os Dereitos Humanos.  A impunidade continúa imperando. É mágoa.

Tempo de memoria

Te puede interesar