O bardo do celtismo

Se aceptamos que bardo é un poeta épico e lírico nacional, ancorado na tradición histórica dos membros da clase dos druídas que, entre os celtas, encargábanse de proclamar por medio de composicións literarias as fazañas de deuses ou heroes, aconsellar aos líderes da tribo e arengar aos soldados antes da batalla; é indiscutíbel que Eduardo Pondal, o autor da letra do actual himno galego ao que lembramos no centenario da súa morte, é o gran bardo do celtismo entre nós.  Autor fundamental do Rexurdimento á par de Rosalía e Curros, abandeira un movemento social e cultural, por veces político, que trata de pór en valor a “identidade céltica” coma elemento definitorio da característica propia e diferenciada, base do dereito á liberdade colectiva, construída a partir da certeza que se deriva dos estudos científicos e da etnografía comparada. No caso do autor bergantiñán, que tras pasar pola universidade compostelán marcando xa pegada de compromiso e militancia coa causa democrática e galeguista, no Banquete de Conxo, acabou por anticipar o deber que se impuxo a si mesmo Castelao: “Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade”. Esa decisión levaríao ao parladoiro da “Cova Céltica”, a coruñesa libraría Carré, pórtico iniciático á literatura do mundo celta. 
Así, o celtismo que comeza a tomar forma mediado o século dezasete ten a súa ópera prima no libro de James MacPherson “Fragmentos de poesía antiga recollidos nas Terras Altas de Escocia, e traducida do gaélico” (1762); e noutras posteriores, Fingal e Temora, atribuídas a un poeta popular chamado Ossian. Ás achegas deste autor súmanse pronto outras procedentes dese conxunto de nacións dunha anhelada Celtia, formada por Bretaña, Cornualla, Escocia, Galiza, Gales, Irlanda e Illa de Man, relacionadas polo pasado compartido dunha cultura común, un sentimento romántico de camaradería e pola utopía da federación política. O rexurdimento celta ten no século dezanove o momento de explosión, porén é a tradución ao francés da obra “Libro das conquistas de Irlanda” (Leabhar Gabhála na hÉireann), naquela altura con mil anos de antigüidade na tradición oral, o que marca de vez a militancia celtista de Pondal coa narración da fundación de Brigantium por Breogán, descendente do rei que tomou o gaélico de entre unha das setenta e dúas linguas da mítica Torre de Babel; e do descubrimento de Irlanda polo seu fillo Ith quen fatidicamente atoparía alí a súa morte en conspiración política. Por iso, o recordo pondaliano é ocasión para saber que os tempos, dos bardos das idades, aínda non foron chegados coa redención da boa nación celta de Breogán. 
 

O bardo do celtismo

Te puede interesar