XOSÉ FORTES E A UMD

Asistín con moito interese á conferencia impartida por Xosé Fortes Bouzán sobre a UMD es os medios de comunicación organizada  polo Club de Prensa, e o fixen por ser parte implicada e polo afán que tiña en saber que nos dicía un dos protagonistas daquela iniciativa da que existen variadas publicacións nas hemerotecas e librarías, e o papel que esta xogou na transición e na pretendida renovación democrática das Forzas Armadas. E baixo o meu modesto punto de vista creo que a súa disertación contribuíu a saber máis do como e o por que.

Cando Xosé Fortes e outros oito compañeiros son detidos ( verán de 1975), as Forzas Armadas estaban formadas por un  bloque monolítico onde os principios que se ensinaban nas Academias: lealdade, compañeirismo e honradez ( versión militar, claro) eran columna vertebral na formación. A Milicia era unha institución que se mantiña como un elemento represivo afastado da realidade social ( segundo palabras de Fernando Reinlein, protagonista daquilo). A UMD nace no 1974 coa intención de democratizar ás Forzas Armadas e como oposición a un réxime autoritario que non conviña manter no tempo. Os militares que integraban a UMD (nunca chegouse a saber cantos eran) consideraban que logo da morte de Franco, España camiñaría cara a unha democracia e o Exército non debera ser impedimento, cousa que dende dentro do mesmo viuse como unha conspiración xudeu- masónica e comunista, sendo os seus promotores detidos, xulgados e condenados. Fortes Bouzán falou de todo isto na súa palestra e logo pasou a relatar de que xeito viron os medios de comunicación á UMD e a persecución que algúns padeceron por darlle difusión ó tema. No búnker, case inexpugnable da milicia, abríronse gretas que debilitaban o muro, fisuras polas que saían algúns lagartos ( dicían os inmobilistas). A Unión Militar Democrática supuxo unha oposición ó réxime franquista cando precisamente estábanse a dar os primeiros pasos da esperada transición. Coa morte de Franco, desaparecía, si, o ditador, pero no goberno capitaneado por Arias Navarro había moita xente adicta ó réxime que consideraba á UMD un perigo para a unidade militar e un medio para a conspiración e para a rebelión. Todo isto supuxo un verdadeiro e molesto quebracabezas  para o vicepresidente primeiro para asuntos da defensa, Gutiérrez Mellado que, de pensar na absolución, logo foi cambiando de opinión. De todo isto falábase pouco e os medios de difusión medíanse á hora de facer alusión á UMD, pero algúns atrevíanse e disto falou Xosé Fortes que foi presentado polo almirante Miguel Fernández, e ambos polo presidente do Club de Prensa, Siro López.

Hai importantes achegas para coñecer o que foi a UMD: unha moi interesante de Fidel Gómez Rosa, doutorando en Ciencias Políticas da Complutense sobre a “Bibliografía básica de la Unidad Militar Democrática”,  por suposto o “Proceso a nueve militares democráticos” cuxos autores son o comandante Otero e o capitán Fortes Bouzán, e “Cuando las derrotas otorgan la victoria” do propio Fortes que veñen  de ser uns documentos de referencia para analizar e o que significou a UMD, aquel movemento dun grupo de militares demócratas enfrontados a un réxime ditatorial.

Logo da conferencia sentámonos ao derredor dunha mesa e comprobei que Xosé Fortes Bouzán gaña nas distancias curtas e que estaba satisfeito de ver como o Exército actual non ten nada que ver co que era outrora, cando el e os seus compañeiros de aventura puxeron a primeira pedra para que  as Forzas Armadas foran unha institución  posta ao servizo do pobo nun estado democrático. 

XOSÉ FORTES E A UMD

Te puede interesar