A voltas coa memoria: o comezo

Corría o ano 1968 e eu chegaba a Santiago disposto a comezar

Corría o ano 1968 e eu chegaba a Santiago disposto a comezar os meus estudos na Facultade de Medicina. Unha tarde paseaba pola Rúa do Vilar e na libraría Couceiro reparei nun cartel que anunciaba para o día 26 de abril un recital no paraninfo da miña Facultade a cargo de “Voces Ceibes” da nova cantiga galega. Pensei que quizais se trataba dun grupo ao estilo de “Nuesto Pequeño Mundo” que entón tiñan bastante sona e dixen: por qué non? Quedei coa data e o día sinalado aí estaba disposto a resolver as miñas dúbidas que axiña quedaron despexadas. Non, non eran un arremedo de NPM, tratábase dun grupo de rapaces que individualmente subiron a o escenario e acompañados das súas guitarras interpretaron cantigas propias e outras baseadas nos poemas de autores coma Celso Emilio Ferreiro cuxos textos incidían nunha problemática social que estaba a flor de pel no ámbeto universitario, anticipo daquel maio frances que tanta repercusión tivo no país veciño con protestas estudiantís que remataron coa maior folga que se recorda en Francia. Pero esa é outra historia. 
Saín moi sorprendido daquel recital polo alí escoitado pero se cabe máis ao reparar que, sin ter eu idea da existecia de Voces Ceibes, tiña compostas dúas cantigas que ían en certa medida na mesma dirección, unha delas inspirada no poema de Curros Enriquez “A Emigración”. Mes e medio despois daquel evento fun invitado a cantar na festa de fin de curso dun colexio maior ( San Agostiño). Ali estaba Blanca Caamaño, prima de Xerardo Moscoso que me convence para que me poña en contacto con el e xa de paso co grupo dos Ceibes. Establecido o encontro, paso a compartir escenario con eles nalgúns recitais puntuais. En xuño de 1968 aparecen os primeiros discos do colectivo grabados en Edigsa e en decembro celébrase un recital no teatro Capitol de Santiago ao que asiste o xerente da compañía discográfica Claudi Martí. Manuel Conde, avogado, que traballara outrora en Edigsa e amigo do Martí, fálalle de min e oraganízase nun piso unha audición. Xa nos poñeremos en contacto! díxome o director de Edisga. Iso dirallo a todos, pensei, e funme coa miña guitarra por onde viñera. Dúas semanas despois recibín un telegrama dicindo que me mandaban un billete de avión para viaxar a Barcelona e grabar o meu primeiro disco. E aí, meus amigos, comeza o meu periplo polo proceloso mundo da canción galega do que, se cadra, vos seguirei contando noutras “miradas”.