Visita a Caldoval

Aclarémolo: visitei o Centro de Interpretación do Caldoval, un espazo cun deseño moi orixinal obra do arquitecto Alfonso Penela que está na estrada que vai do lugar do Cristo ao cemiterio de Mugardos

Aclarémolo: visitei o Centro de Interpretación do Caldoval, un espazo cun deseño moi orixinal obra do arquitecto Alfonso Penela que está na estrada que vai do lugar do Cristo ao cemiterio de Mugardos. A “villa a mare” romana segue no seu sitio natural, en terreos ocupados por Reganosa. O que se atopa no Centro son os baños desa vila romana e unha historia detrás que nos aproxima a como vivía a xente que moraba nela a partires do século I despois de Cristo e perante 400 anos máis que, dito sexa de paso, dan moito de si.  De non poder conservar este xacemento no seu lugar de orixe, ben está que un retallo del estea neste  Centro que lle da un valor engadido a Mugardos no eido da antropoloxía e da historia.  O anaco que podemos ver desa “villa a mare” forma parte do noso pasado do que somos inevitablemente consecuencia. A visita con guía é fundamental, polo menos na primeira andaina polo Centro, porque o que alí repousa precisa dunha historia que contar, é necesario darlle vida, situármonos naquel tempo nesa “villa a mare” propiedade seguramente dunha familia moi acomodada economicamente, xogar e facer deporte con ela na “palestra” ,  pasar logo aos baños de auga quente, tépeda e fría co gallo de relaxar os músculos e logo poñer ungüentos e aceites para tonificar a pel.  Todo un luxo romano, abofé. Sen esa historia, sen deixar voar a imaxinación trasladándose a aquel tempo,  a visita  queda coxa porque os restos arqueoloxicos, as pedras, non falan por si mesmas aos neófitos na materia. Recomendable a lectura do folleto explicativo que se recolle na recepción e por suposto repasar os paneis informativos  que están na sala contigua á exposición dos baños antes de atoparse con ela.  Interesante certamente a visita, e se vostedes son capaces de viaxar mentalmente 2.000 anos atrás, seguro que o van pasar moi ben. Cando se removeu no xacemento en Punta Promontorio recuperáronse pezas como cerámicas, moedas e recipientes  que actualente están no Castelo de San Antón na Coruña. Que bo sería reclamalas, traelas para Mugardos e que pasaran a formar parte do fondo museístico do Centro de Interpretación que, malia non ser museo,  podería darlles albergue e expoñelas ao público. Con iso daríamos un pasiño máis. Poderíamolo intentar, nonsi?  Venres, sábados e domingos, pódense pasar  por alí e viaxar 2.000 anos atrás no tempo.  Paga a pena, abofé.