Un concerto subido de ton

Andei fora o Dia da Festa do Polbo e xa que logo non estiven no acto central da degustación do noso producto xenuíno. Polo que souben flotaba no ambiente o concepto de privado en detrimento da tendencia asociativa coa que naceu esta festa. Din que a decisión de que fose unha empresa a encargada de distribuír as miles de racións que se despacharon foi á necesidade sanitaria de controlar mellor o producto. En calquera caso, a festa semella que pasou con nota malia que hai cousas que, como en todo, se poden mellorar e corrixir para pasar do notable ao sobresaínte. Por exemplo, recoñecendo que é moi difícil manter a equidistancia entre o dereito dos que gozan da algarabía da festa e dos veciños que se compracen coa tranquilidade, non me negarán que se pode facer un pequeno esforzo para equillibrar un poco a balanza. Estoume a referir ao acontecido a noite do sábado co concerto que se estaba a celebrar no Cantón de Cora coas columnas de son dirixidas cara aos balcóns e galerías e que puña fin ao día de festa. 
Era a unha da madrugada cando chegaba a casa e un grupo interpretaba, por certo con solvencia, música rock, unha música que me agrada particularmente e me gusta escoitar con volume alto, pero unha cousa é esa e outra ben distinta o ataque masivo de decibelios ao que estabamos sometidos. Tanto que se romperon cristais e se desprenderon alicatados nunha casa próxima ao escenario o que da idea de como estaba de desmadrada a cousa. 
E o caso é que debe existir unha normativa municipal vixente, que seguramente temos, que establece o límite de decibelios na vía pública e malia que a música dos concertos semella ter certa permisividade para sair da norma, deberíase controlar tomando medidas con sonómetro na man dicindolle aos responsables que non se pode pasar de aí. Ou isto, ou levar este tipo de concertos para outro sitio.
Si xa sei que estarán dicindo que hai que ser permisivo, ter paciencia e comprensión con todo isto, que a fin de contas son uns días nada máis ao ano e teñen razón, pero estarán comigo en que non todo vale e si é verdade que nunca chove a gusto de todos, non é menos certo que non é xusto que namentres uns se senten amparados baixo o paraugas da festa, a outros os anegue un chaparrón no descampado e “ajo y agua”. 
Eu sen ser un gran seareiro das festas, teño unha norma que me soe dar resultado: “se teño difícil o acougo intégrome, incorpórome a ela”. Pero creanme, o outro día resultaba difícil integrarse así sen máis a corpo limpo. 
 

Un concerto subido de ton

Te puede interesar